Parques temáticos
La Voz de Galicia, , 23-03-2007EXISTE en México un parque temático no que un pode vivir a experiencia de ser un inmigrante ilegal tratando de cruzar a fronteira cara a Estados Unidos. Pagas 150 pesos e pasas a formar parte dun grupo de urbanitas disfrazados de espaldas mojadas que pasan toda a noite escapando aterrorizados duns ficticios policías gringos que os perseguen con cans, coches patrulla e escopetas de fogueo. Se en Disneylandia, ao outro lado da raia, un paga por experimentar o cumprimento do Soño Americano, neste outro parque temático mexicano pagas por experimentar o difícil que resulta soñar ese soño. Algúns están escandalizados, mais eu vexo unha lóxica simétrica entre eses dous lugares, e non estou seguro de cal é peor; se é que algún dos dous é malo en realidade.
En principio todo é falso. Eco Alberto, que é así como se chama o lugar, non se atopa nin sequera preto da fronteira, senón nunha localidade máis de mil quilómetros terra a dentro, nun sitio con nome de medicamento chamado Ixmiqulpan. Pero non todo é tan falso como se podería pensar. O 90% dos indíxenas de Ixmiqulpan fixeron xa, eles mesmos, o cruce da fronteira, e viven agora en Las Vegas. O propietario do parque cruzou cinco veces. Pero acabou do lado de acó, e decidiu xuntar aos poucos veciños que tampouco deran cruzado a fronteira e tirarlle uns cartos ao seu fracaso.
Porque son eles, estes homes que un día foron capturados e devoltos pola Patrulla de Fronteiras, quen fan de policías da Patrulla de Fronteiras. Xa dixen que non todo era falso. A Baudrillard, o filósofo francés que morreu hai poucos días en medio dun sorprendente esquecemento informativo, houbéralle dado moito que pensar este exemplo de «simulacro», sobre o que tanto escribiu el. Pensaba Baudrillard que o mundo era todo el un parque temático, só que máis caro e menos divertido, e quizais tiña razón niso.
E ata pode que haxa aínda máis realidade nese simulacro do que houbese sospeitado Baudrillard e do que pensan os que o censuran. Cento cincuenta pesos non é moito (uns dez euros). Quén sabe se algún dos turistas que finxen ser inmigrantes non serán en realidade inmigrantes que finxen ser turistas e que, disimulados entre os que buscan unha descarga de adrenalina para as súas vidas sedentarias de empresarios en México D.?F., adestran en secreto para converter o simulacro en realidade.
(Puede haber caducado)