Virus foráneos
La Voz de Galicia, 13-10-2006MARINA MAYORAL
ESTE ano a campaña de vacinación contra a gripe retrasouse – non se sabe por qué – e os virus madrugaron. Están aquí dende comezo de setembro e maniféstanse moito máis duradeiros que os de anos precedentes.
A novidade maior é que a xente xa lles puxo nome e orixe a estes novos virus. Non se trata da temida gripe aviar, ou de variantes da asiática, senón, segundo din, dunha clase de virus que traen os inmigrantes, que a eles non lles afecta, pero que está facendo estragos na poboación autóctona. O asunto, de ser certo, non deixa de representar certa xustiza histórica.
A colonización do Novo Mundo, aló no século XVI, provocou unha grande mortaldade entre os habitantes daquelas terras, non tanto polas razóns de explotación que denunciaba o frade Las Casas, como polas doenzas que levaban consigo os colonizadores, que resultaban mortais para os nativos.
A expedición do médico alacantino Francisco de Balmis a fins do século XVIII para levar a vacina da varíola a Canarias e toda Hispanoamérica foi unha xesta exemplar que redimiu en parte o mal causado de forma involuntaria.
Que séculos despois os descendentes daquela xente – ¿ou serán os dos caiucos? – nos devolvan o regalo en forma de virus gripal lonxevo sería unha forma benigna de vinganza ou de xustiza, segundo se queira ver.
Pero o máis probable é que non haxa tal virus inmigrante e que o rumor sexa unha manifestación máis do temor – ou de xenofobia ou de racismo, chámenlle como queiran – que inspira o fenómeno da inmigración. Xa non se trata de que «eses de fóra» ocupen postos de traballo, ou de que aumente a delincuencia. Agora a ameaza é máis xeral e perigosa: atentan contra a nosa saúde.
As autoridades competentes deberían loitar contra este novo virus proporcionando información… e vacinando a tempo, ¡contra!
(Puede haber caducado)