Keina Raquel Espiñeira, profesora de Socioloxía: «Chamar mena a un neno é dramático e deshumanizante»
A docente da UDC pensa que hai que mellorar o marco normativo para garantir «os plenos dereitos» das persoas migrantes
La Voz de Galicia, , 03-10-2026Antes de comezar esta conversa, convén revisar os microrracismos que poden terse interiorizados. E así precisamente é coma unha decátase da cantidade de erros que se cometen ao falar desta realidade. Keina Raquel Espiñeira afasta as dúbidas: «É mellor non dicir inmigrantes de segunda xeración, aínda que moitas veces se lles nomee deste xeito». Segundo esta docente da facultade de Socioloxía da UDC e experta en políticas de migración, «pode resultar contraproducente porque transmite a idea de que esta condición se herda».
—É iso necesariamente malo?
—Non é malo, pero non é un termo axeitado. É unha etiqueta da que é moi difícil desprenderse para persoas que xa naceron aquí ou chegaron moi pequenas. Mateñen unha identificación que queda conxelada na súa biografía e que pode ter consecuencias psicolóxicas e emocionais, porque condiciona as relacións sociais. Dalgún xeito, alimenta procesos de diferencia e exclusión.
—Que tipo de migrante chegou nas últimas décadas a Galicia?
—A pesar de que as mobilidades se diversificaron nos últimos anos, atopámonos sobre todo con migracións por motivacións económicas, que seguen sendo as prioritarias, e políticas. Aínda que estes segundos desprazamentos son menores comparados con outras zonas de Europa. Agora, ademais, tamén observamos como proceso novidoso as chamadas migracións por estilo de vida, que serían persoas que buscan un cambio de vida motivado, por exemplo, polo teletraballo.
—Temos que facer algún tipo de autocrítica como país receptor?
—A nivel político estamos atopando discursos reaccionarios que dificultan o que é un entorno amable, aberto e de acollida. O propio marco normativo impide o recoñecemento pleno dos dereitos das persoas migrantes. A lexislación española tivo sempre un carácter restritivo que limita as vías de entrada, de residencia e de traballo, e isto xera por defecto situacións non só de irregularidade administrativa, senón tamén efectos sobre como a sociedade percibe as persoas que veñen ao noso país dende outros territorios con outras linguas e outras culturas. E cando a norma establece distintos graos de cidadanía úsase para xustificar logo un trato desigual que desemboca nun racismo sistémico.
—Pódese vincular dalgún xeito o avance da extrema dereita en Europa coas oleadas migratorias dos últimos anos?
—Penso que plantexalo así xa sería parte do problema. O que fan os partidos de extrema dereita é instrumentalizar os procesos migratorios para ter un proveito económico a través da explotación da man de obra precarizada e en condicións de irregularidade administrativa. Na parte política non fan outra cosa que infundir medo, inseguridade e desconfianza coa finalidade de gañar as eleccións.
—Segundo un informe recente, soamente o 35 % dos fillos de inmigrantes en España teñen os dous proxenitores traballando. Como lles repercute esta desigualdade?
—De novo, o marco normativo de estranxeiría ten implicacións e consecuencias porque crea desigualdades na forma en que as persoas pasan a integrarse na sociedade, condicionando as oportunidades formativas, laborais e profesionais ás que van poder acceder. Os estudos nos que traballamos desde a socioloxía revelan que as persoas de orixe migrante atópanse cun bloqueo que limita o ascenso social porque teñen máis dificultades para acceder a empregos cualificados.
—Que pensa do uso do termo «mena» para referirse a menores estranxeiros non acompañados?
—Eu fixen a miña tese doutoral sobre a fronteira de Ceuta e cústame moito falar desta cuestión, pero para min usar este termo é unha irresponsabilidade. Temos un problema como sociedade ao deixar que a realidade destes nenos e nenas pase a un segundo plano. Cando normalizamos este acrónimo [mena] deshumanizamos a infancia e comezamos a ver os nenos como obxectos desde a distancia e o desapego, e é moi dramático.
(Puede haber caducado)