Miradas fronteirizas

La Voz de Galicia, Antón Riveiro Coello O ESPOLÓN, 24-09-2026

Acrise migratoria de Ceuta fai que o Goberno español acepte por fin que algo non se está a facer ben e estude agora acurtar os prazos para acelerar a expulsión de quen non obteña a protección internacional, así como atopar novas prazas de acollida pola saturación. Coido que a esquerda nunca debería abandonar o debate da seguridade e o control fronteirizo, porque facelo é deixarlle o monopolio do tema á dereita. Somos conscientes de que España se fai vella e precisa traballadores, persoas que ocupen empregos que non sempre atopan candidatos dabondo. Sabemos tamén que no tema dos migrantes hai racismo, porque non esperta a mesma reacción un estranxeiro europeo ca unha persoa negra procedente de África, máis doada de asociar a prexuízos que a sitúan con rostro de pobreza, delincuencia e inseguridade. Non se escapa á realidade de que hai millóns destas persoas que cotizan coma nós e teñen os mesmos dereitos. Aceptamos que iso é o normal, pero tamén sabemos que un Estado ten que ordenar as fronteiras.

Cando vemos tantos milleiros de persoas dispostas a arriscar a vida para chegar aquí, a estratexia do Goberno non pode ser só unha retórica de que as fronteiras están controladas e que quen non teña dereito a estar aquí será devolto. Tan importante coma iso é garantir procedementos para evitar chegadas masivas e non converter o estranxeiro nunha ameaza. Hai que distinguir ben a migración irregular da que non o é. E un Goberno ten que saber canta migración precisa o seu país e establecer un xeito real de planificar a súa chegada, porque esas persoas son moito máis ca cifras e formarán parte da nosa sociedade. E nunca se debería converter toda a migración nun único problema, porque iso é xusto o que fai a dereita máis extrema, e non só, tamén mirar sempre dende a fronteira, que é onde adoita tirar máis proveito.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)