fugas
Ana Romaní, académica, poeta e xornalista compañeira de Begoña Caamaño: «Begoña segue incomodando, máis hoxe que hai dez anos»
Reivindica a vixencia da autora nun contexto de «desinformación, involución e retroceso» e destaca o valor da súa voz crítica e feminista
La Voz de Galicia, , 17-05-2026Aemoción está moi presente, recoñece Ana Romaní (Noia, 1962). Compañeira e autora dunhas das biografías de Begoña Caamaño, a académica da Real Academia Galega (RAG) e xornalista compartiu proxectos, vivencias e ilusións coa escritora. «Máis sendo iso o que máis conmove, esa ausencia que respira e que sentimos moi viva, o que subliño é a potencia da súa figura no estrondo do contexto actual. Nun contexto de desinformación, involución e retroceso, esa xornalista, escritora e activa integrante de movementos e colectivos fálanos da importancia da análise, da posición crítica, da ética e a responsabilidade do que facemos, das consecuencias. Tamén da posibilidade de transformación, da reivindicación da esperanza», sintetiza Romaní.
—Por que hai que reivindicala?
—Pola súa capacidade para seguir trazando cartografías para un cambio que implica cuestionar un modelo de organización social, política, económica, mais tamén un modelo de relacións humanas e sociais, como ela mesma dixo.
—A Begoña Caamaño hai que lela, pero tamén escoitala.
—Eu creo que é moi importante escoitala. Acceder aos materiais sonoros e escoitala. É unha xornalista radiofónica, toda a súa traxectoria profesional está vinculada á radio, ao son e á voz. Os seus traballos para a radio poden ser un lugar magnífico de encontro. Escoitar as entrevistas que fai, que e como pregunta, como guía as conversas, as súas reportaxes e crónicas. Deterse especialmente no seu programa Andando a terra que reflicte e congrega moitos dos trazos que caracterizan o seu xornalismo. E escoitala tamén no que responde nas entrevistas e nos seus artigos. Canto á narrativa tanto Circe ou o pracer do azul como Morgana en Esmelle son bos camiños para se iniciar na escoita da súa voz de narradora.
—Onde está hoxe presente a súa voz?
—Nos proxectos colectivos que se implican na articulación de formas alternativas de enfrontar a complexidade da vida, das vidas. En calquera lugar que permita pensar e actuar nos procesos de construción de sociedades máis xustas, igualitarias, plurais. A min paréceme escoitala alertando sobre a inxustiza, as opresións, as agresións, a perda de dereitos…por exemplo avisando do xenocidio en Gaza, a violencia estrutural do patriarcado e os asasinatos, as agresións ás soberanías, a alarmante involución social, a manipulación informativa, o desmantelamento dos servizos públicos, sanidade, medios, educación, a preocupante situación do noso idioma… Ela xa falou de todo isto e mesmo sorprende a actualidade da súas palabras, da súa lectura.
—Ademais de escribir, sinto que Begoña transmitía tamén unha forma de estar no mundo. Pensa que é así?
—Si, a súa figura traslada a través, non só da súa obra (cando falo de obra falo dos libros mais tamén do xornalismo) tamén das súas posicións e declaracións, a consciencia de saber onde estás, que implica a túa posición, desde que lugar falas e con que te comprometes. Nese sentido falou da responsabilidade, de ser conscientes das consecuencias dos nosos actos, das nosas decisións. Insistía na relevancia do coñecemento, dicía «a ignorancia condúcenos á pobreza, á miseria, á alienación», e nese sentido falaba tamén de que a cultura ten que camiñar apegada á ética. Non podes estar calada diante do que pasa. E ademais fala da empatía, da necesidade de poñernos na pel das outras persoas, das contradicións que nos constitúen, e da esperanza. A súa obra, a narrativa, o xornalismo, a súa intensa actividade en asociacións e colectivos, trasladan a relevancia dese pensamento que mobiliza, un pensamento que actúa.
—Que tiña a radio que encaixaba tan ben co seu estilo de comunicar?
—A proximidade á vida, a interacción. A radio escoita a respiración da rúa, é accesible, inmediata. Begoña Caamaño explicaba nunha entrevista que a ela o que a apaixonaba era estar na rúa, coa xente, coas noticias en primeiro plano. Era unha profesional cunha gran capacidade de conexión, de poñerse no lugar da outra. Ela falaba da relevancia da empatía e da curiosidade, da relación coas persoas, coa diversidade que nos conforma, da proximidade no traballo xornalístico. Ao tempo, o desexo de saber, ese interese por coñecer, tamén a conectan cun medio que ten no seu adn a función cultural, a memoria de ser instrumento de democratización cultural. A radio, na miña opinión, é un medio decisivo na conformación dunha comunidade e na articulación social, na compresión da realidade e no intercambio de saberes e coñecementos. A voz toca e esa resonancia nos acolle. A voz traslada un ton, unha sonoridade, unha respiración, traslada a tensión, a tenrura, o medo, a fraxilidade…tamén a impostura ou a ansia de influencia. A voz propicia outro tipo de conexión. Ás veces falo de que é un xornalismo sen maiúsculas, que se escribe no ar, na consciencia plena da súa condición efémera, cando menos así era cando Begoña comezou na radio. Gústame insistir en que a sonora é unha memoria diferente, ofrece outros datos, traslada outras informacións que os textos escritos non revelan. A historia cultural é tamén sonora.
—Era unha autora incómoda, no sentido literario e tamén no do seu activismo?
—Si, claro. Dalgunha maneira é a incomodidade que xeran as posicións que cuestionan os relatos hexemónicos, que debaten e rebaten algúns «consensos» que dominan o espazo público. Hai moitos trazos do seu ideario e da súa posición que resultan incómodos hoxe, se cadra mesmo máis que hai dez anos, é significativo da involución social, da perda de dereitos e da dificultade para poñer enriba da mesa segundo que temas.
—Estraña a súa voz comprometida?
—Segue habendo voces moi comprometidas, con posicións moi críticas, rigorosas na súa esculca e lectura do presente, que asumen a responsabilidade de achegar outros enfoques, falar desde outro lugar, cuestionar este estrondo que paira no espazo público. Hai voces moi lúcidas que nos poden permitir entender e mesmo darnos instrumentos para actuar, intervir, participar dese pensar colectivo. Mais non se escoitan e apenas se ven. Esa é a cuestión, a opacidade que domina ese espazo público onde o que se potencia, se fai visíbel é o balbordo da confusión. De aí a importancia dos medios de comunicación, da información que é un dereito, e de como os medios poden e deben recuperar ese espazo para a cidadanía, recuperarmos o territorio dunha información que, como dicía Begoña Caamaño, nos faga máis sabi@s, máis libres, nos dea instrumentos.
—Sostén ben o paso do tempo a súa obra?
—Si, como comentaba sorprende a actualidade da súa lectura hoxe e dos temas que a ocupan e preocupan tanto na narrativa como no xornalismo. A posibilidade de dicirnos cousas novas á luz da complexidade do tempo que vivimos. Por outra banda a súa obra narrativa amplíase con novos focos, enfoques e liñas dos estudos literarios e culturais, de feito xa se están a facer esas achegas e agardemos que poidan seguir despregándose esculcas e lecturas. Na literatura está a súa capacidade de nos interpelar á luz de cada novo contexto e época.
—«Circe ou o pracer do azul» e «Morgana en Esmelle» revisitan os mitos desde a mirada feminista. Hai que reescribir os relatos fundacionais?
—Porque aínda estamos socialmente sometidas a eses códigos e modelos. Permíteme que responda coas palabras da propia Begoña Caamaño. Ela afirmou que ser feminista implica unha cosmovisión que debemos construír partindo do coñecemento de como fomos creadas e creados. «Os mitos son a orixe do canon, dos arquetipos que nos inculcaron para construírnos de acordo á norma. Hai que volver aos mitos para transgredilos se queremos reconstruírnos como seres diferentes nunha sociedade nova e diversa».
—Xela Arias, Luísa Villalta, agora Begoña Caamaño. Era urxente esta nova mirada?
—É unha cuestión de xustiza. Recoñecer a obra das voces que foron construíndo a diversidade e pluralidade da nosa historia literaria e cultural.
—De que falaría hoxe con ela?
—De tantas cousas! Da situación do xornalismo e dos medios, especialmente dos públicos. Dos feminismos, das liñas e os debates que os atravesan. Da involución e os discursos reaccionarios. Da situación do idioma, das causas desta situación, das accións necesarias, do seu futuro. Das agresións armadas, do regreso aos discursos bélicos, da militarización, do baleirado das institucións e a vulneración do dereito internacional, da impunidade. De Gaza. Dos dereitos das persoas que mudan de país para reconstruír as súas vidas. Do racismo e da xenofobia que circula sen pudor polo espazo público. Das diferenzas sociais cada vez máis agudizadas. Do reforzamento dos privilexios das clases enriquecidas, e do espolio das clase traballadora. Da precarización da vida… Sigo?
(Puede haber caducado)