Emigración, legalidade e unha historia: a nosa

La Voz de Galicia, Jorge Sobral, 13-02-2026

Ademais de por estas augas que non cesan, ando un pouco asolagado por ideas intrusas e molestas. Eu, como tantos galegos, tiven unha chea de familiares espallados por ai: Arxentina, Venezuela, México. Cousa de necesidade, de buscar unha vida mellor e menos gris. Mais, ultimamente, a admiración que profesei ás miñas tías e tías-aboas, á súa coraxe, vai e ven, que se si, que se non. Explícome: xornais, radios e ese podredoiro chamado redes sociais din cousas tales dos emigrantes que veño a pensar que igual as miñas tías non eran o que parecían. Non oh, seica tiñan unha pulsión delituosa, criminal, que non podían con ela. E mira ti, podendo delinquir na súa terra a rego cheo, deulles por embarcar, cunha man diante e outra detrás, na busca de predios con vítimas mais propicias. Aínda que non sexamos crédulos de mais, de tanto escoitar que os inmigrantes veñen a delinquir, a roubarnos as «paguitas», discursos que triunfan mundo adiante, asaltoume a dúbida: mira ti, a ver si vai ser que as miñas tías ían de ese pau. Dúbida lóxica; non sei que extrana lei da natureza das persoas tería a xentileza de facer unha excepción coa miña xente.

Se os latinoamericanos migrantes rouban e violan ós galegos, ¿que ciencia explicaría que tal cousa non se dera tamén na outra dirección? Ou vai a resultar que os galegos temos un ADN especial que regula o noso axuste as leis cando andamos en leiras alleas? Neste punto deume paz interior recordar que , hai uns anos, un servidor e algúns colegas da universidade reunimos uns cartiños para ver si a inmigración latinoamericana en España respondía aos supostos teóricos formulados por un reputado investigador canadense (John W. Berry, Universidade de Queens), que adicou anos a estudar os xeitos cos que os migrantes viven a experiencia de insertarse nas sociedades de acollida. Avaliamos, pois, a uns cuantos miles de mozos inmigrantes latinoamericanos, residentes en Galicia e Madrid. As categorías de Berry asomaron. Atopamos aos esforzados en esquecer a súa cultura de orixe, mergullándose de espetadela na de aquí (os «asimilados»). Outros, presos da súa morriña particular, non querían saber nada do noso (os «separados»). Algúns expresaban o seu desacougo afastándose emocionalmente tanto do pasado como do presente (os «marxinados»), refuxiándose en grupos pechados con outros na mesma situación. Finalmente, a estatística multivariada esclareceu un grupo clave: aqueles que expresaban plena comodidade facendo compatibles as culturas de orixe e de destino (os «integrados»). Nin que dicir ten que foron estes os que amosaron os mellores indicadores no que andábamos a pescudar: nomeadamente, a súa implicación en actividades antisociais e/ou propiamente delituosas: nadiña. Como os de aquí, ou menos. Integración. Palabra máxica que militóns patrióticos bandeirean como unha esixencia perentoria, vital, non vaia ser que as nosas esencias gran reserva fiquen licuadas, auga no viño. Pero ben está. Pero non existe a integración etérea; é fundamental que os que chegan poidan traballar e cobrar en branco canto antes mellor, pagar os seus impostos, mandar aos fillos aos colexios, montar negocios, comprar e vender, comerciar, ir ao médico, pedir un crédito, pagalo, etcétera. Ou sexa, existir como cidadáns. E iso solo é posible con papeis, con identidade administrativa, a faciana burocrática da identidade social plena. Así teremos novos galegos, novos españois, novos europeos. Ou sexa, serán como nós. E, xusto por iso, se algún deles delinque, aplicaráselle o Código Penal. Como a nós.

Terán os nosos dereitos e as nosas obrigas. Sinxelo. Claro que, a tales efectos, e imprescindible regularizar a situación dos novos veciños. E hai que aplaudir as iniciativas lexislativas respecto diso, sexa cal sexa o goberno de turno ao temón. E, de paso que recuperamos a nosa maltreita demografía, e crecemos en traballo e prosperidade, eu desbotarei os meus pesadelos sobre as miñas tías e as súas intencións. Boa xente. Como a inmensa maioría dos que arriban por aquí. Por certo, ser galego e mercadear votos, ou o que sexa, espallando bulos e puras falsidades sobre os emigrantes, solo pode deberse a unha profunda ignorancia dos datos dispoñibles, ou a unha mala fe de proporcións cósmicas. Sen esaxerar. Que se de por aludido quen queira e lle corresponda.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)