A unión contra a homofobia no fútbol
O xogador do Celta de Vigo Borja Iglesias recibiu insultos dos seareiros rivais, pero foi apoiado polo seu equipo e os seus afeccionados
La Voz de Galicia, , 22-01-2026Suponse que o deporte debe ser un espazo no que primen valores como o respecto ou a educación . E isto é algo que se aplica aos xogadores e aos afeccionados. Por regra xeral, é algo que se cumpre en todas as disciplinas, excepto nunha: o fútbol. Neste deporte, os xogadores, adestradores e árbitros teñen que escoitar en moitas ocasións insultos a eles mesmos ou as súas familias. O último en sufrilos foi Borja Iglesias, futbolista galego que actualmente xoga no Celta de Vigo.
Que pasou?
Despois dun partido disputado entre o equipo galego e o Sevilla, no Sánchez Pijuán, no cal o Celta obtivo a vitoria, Borja Iglesias saíu un momento aos exteriores do estadio andaluz para darlle a súa camiseta a un amigo que alí o esperaba. Neste momento, uns afeccionados dixéronlle: «A ver se morres, maricón de merda». E: «Píntate as uñas».
Que fixo o galego?
Os insultos foron captados por unha cámara, e o vídeo fíxose viral en redes sociais. Nelas, Borja Iglesias comentou, de forma irónica: «Que raro!, se isto no fútbol non pasa nunca». E engadiu: «E así todos os días. Seguimos convivindo nunha sociedade na que o respecto aos demais sigue sendo algo que está moi lonxe. Non sorprende que haxa insultos racistas e homófobos nos campos de fútbol», escribiu, contando tamén que lle chamaban mariposón ou lle instaban a pintarse as unllas.
Os insultos tiveron consecuencias?
Non. Pero tiveron unha gran condena en redes sociais. En concreto, a pena celtista Carcamäns Celestes, da Illa de Arousa, lanzou unha campaña para que a xente, homes e mulleres, acudise coas uñas pintadas ao partido que se celebrou o domingo contra o Raio Vallecano en Vigo. Desta forma apoiaban ao xogador e amosábanse en contra da homofobia. Cando o Celta tivo coñecemento da iniciativa, promoveuna e reiterou a mensaxe de que se acudira coas uñas pintadas. Lamentablemente, nas horas seguintes recibiu unha onda de odio nas redes sociais, con todo tipo de insultos e faltas de respecto, tanto ao club como á súa afección. Iso no impediu que o domingo moita xente animase o seu equipo coas uñas pintadas.
Por que as uñas?
Porque Borja Iglesias adoita levar as uñas pintadas e é un dos motivos polos que recibe insultos. Tamén se posiciona en moitas denuncias sociais, como a homofobia ou o apoio ás compañeiras da selección española feminina cando pedían mellores condicións, algo que a maioría dos futbolistas profesionais non fan. Todo isto alimenta un odio que non ten xustificación.
A gravidade dos insultos
Un insulto non ten cabida en ningún espazo, sexa do que sexa, pero no fútbol está normalizado, parécenos unha cousa menor. Aínda por enriba, o insulto homófobo busca humillar e sinalar a quen rompe os estereotipos tradicionais. Aquí non importa a orientación sexual do deportista, porque en realidade a súa parella é unha muller. O obxectivo dos agresores é excluír e ser hostís a unha persoa porque pensa diferente.
As ofensas tamén poden ser un tipo de discurso de odio
Estes insultos non son só unha falta de educación . Para algunhas persoas son un discurso de odio porque atacan a outra por unha característica protexida, neste caso a orientación sexual aínda que é suposta. Por que? O termo utilizado é un insulto que historicamente se empregou para humillar as persoas homosexuais e transmitir a idea de que valen menos: ao engadir unha expresión de desprezo refórzase esa mensaxe. Ademais, aínda que o ataque vaia dirixido a un xogador concreto, o dano non se limita a el, xa que reforza estereotipos negativos e afecta a todo o colectivo. A maiores, os insultos proferíronse na rúa e tras un evento multitudinario, o que aumenta o seu impacto e contribúe a normalizar unha linguaxe discriminatoria.
Que pasa nun partido cando o público di frases racistas ou aldraxantes?
Cando nun partido da Liga hai insultos graves, como os de carácter racista, homófobo ou discriminatorio, existe un protocolo de actuación para frealos e protexer os xogadores. Este protocolo baséase nunha resposta progresiva que se activa cando o árbitro detecta cánticos ou berros ofensivos desde a bancada. O primeiro paso adoita ser unha advertencia pública, mediante unha mensaxe por megafonía ou nos marcadores do estadio pedindo que cesen os insultos. Se o comportamento continúa, o árbitro pode deter temporalmente o partido e enviar os xogadores aos vestiarios durante uns minutos. Por exemplo, en febreiro do 2025, durante un partido entre o Athletic Club e o Espanyol, o árbitro parou temporalmente o encontro por insultos racistas dirixidos a un xogador do Bilbao.
(Puede haber caducado)