A unión contra a homofobia no fútbol
O xogador do Celta de Vigo Borja Iglesias recibiu insultos dos seareiros rivais, pero foi apoiado polo seu equipo e os seus afeccionados
La Voz de Galicia, , 22-01-2026Suponse que o deporte debe ser un espazo no que primen valores como o respecto ou a educación. E isto é algo que se aplica aos xogadores e aos afeccionados. Por regra xeral, é algo que se cumpre en todas as disciplinas, excepto nunha: o fútbol. Neste deporte, os xogadores, adestradores e árbitros teñen que escoitar en moitas ocasións insultos a eles mesmos ou as súas familias. O último en sufrilos foi Borja Iglesias, futbolista galego que actualmente xoga no Celta de Vigo.
Que pasou?
Despois dun partido disputado entre o equipo galego e o Sevilla, no Sánchez Pijuán, no cal o Celta obtivo a vitoria, Borja Iglesias saíu un momento aos exteriores do estadio andaluz para darlle a súa camiseta a un amigo que alí o esperaba. Neste momento, uns afeccionados dixéronlle: «A ver se morres, maricón de merda». E: «Píntate as uñas».
Que fixo o galego?
Os insultos foron captados por unha cámara, e o vídeo fíxose viral en redes sociais. Nelas, Borja Iglesias comentou, de forma irónica: «Que raro!, se isto no fútbol non pasa nunca». E engadiu: «E así todos os días. Seguimos convivindo nunha sociedade na que o respecto aos demais sigue sendo algo que está moi lonxe. Non sorprende que haxa insultos racistas e homófobos nos campos de fútbol», escribiu, contando tamén que lle chamaban mariposón ou lle instaban a pintarse as unllas.
Os insultos tiveron consecuencias?
Non. Pero tiveron unha gran condena en redes sociais. En concreto, a pena celtista Carcamäns Celestes, da Illa de Arousa, lanzou unha campaña para que a xente, homes e mulleres, acudise coas uñas pintadas ao partido que se celebrou o domingo contra o Raio Vallecano en Vigo. Desta forma apoiaban ao xogador e amosábanse en contra da homofobia. Cando o Celta tivo coñecemento da iniciativa, promoveuna e reiterou a mensaxe de que se acudira coas uñas pintadas. Lamentablemente, nas horas seguintes recibiu unha onda de odio nas redes sociais, con todo tipo de insultos e faltas de respecto, tanto ao club como á súa afección. Iso no impediu que o domingo moita xente animase o seu equipo coas uñas pintadas.
Por que as uñas?
Porque Borja Iglesias adoita levar as uñas pintadas e é un dos motivos polos que recibe insultos. Tamén se posiciona en moitas denuncias sociais, como a homofobia ou o apoio ás compañeiras da selección española feminina cando pedían mellores condicións, algo que a maioría dos futbolistas profesionais non fan. Todo isto alimenta un odio que non ten xustificación.
A gravidade dos insultos
Un insulto non ten cabida en ningún espazo, sexa do que sexa, pero no fútbol está normalizado, parécenos unha cousa menor. Aínda por enriba, o insulto homófobo busca humillar e sinalar a quen rompe os estereotipos tradicionais. Aquí non importa a orientación sexual do deportista, porque en realidade a súa parella é unha muller. O obxectivo dos agresores é excluír e ser hostís a unha persoa porque pensa diferente.
As ofensas tamén poden ser un tipo de discurso de odio
Estes insultos non son só unha falta de educación. Para algunhas persoas son un discurso de odio porque atacan a outra por unha característica protexida, neste caso a orientación sexual aínda que é suposta. Por que? O termo utilizado é un insulto que historicamente se empregou para humillar as persoas homosexuais e transmitir a idea de que valen menos: ao engadir unha expresión de desprezo refórzase esa mensaxe. Ademais, aínda que o ataque vaia dirixido a un xogador concreto, o dano non se limita a el, xa que reforza estereotipos negativos e afecta a todo o colectivo. A maiores, os insultos proferíronse na rúa e tras un evento multitudinario, o que aumenta o seu impacto e contribúe a normalizar unha linguaxe discriminatoria.
Que pasa nun partido cando o público di frases racistas ou aldraxantes?
Cando nun partido da Liga hai insultos graves, como os de carácter racista, homófobo ou discriminatorio, existe un protocolo de actuación para frealos e protexer os xogadores. Este protocolo baséase nunha resposta progresiva que se activa cando o árbitro detecta cánticos ou berros ofensivos desde a bancada. O primeiro paso adoita ser unha advertencia pública, mediante unha mensaxe por megafonía ou nos marcadores do estadio pedindo que cesen os insultos. Se o comportamento continúa, o árbitro pode deter temporalmente o partido e enviar os xogadores aos vestiarios durante uns minutos. Por exemplo, en febreiro do 2025, durante un partido entre o Athletic Club e o Espanyol, o árbitro parou temporalmente o encontro por insultos racistas dirixidos a un xogador do Bilbao.
(Puede haber caducado)