Quixotismo e xenofobia

La Voz de Galicia, Siro PUNTADAS SEN FÍO, 27-12-2025

Quixotismo é, nada máis e nada menos, que ver no idealismo de don Quixote o reflexo da alma española. Pero eu coido que nunca ninguén nos viu así e que o quixotismo foi un invento da xeración do 98 para se evadir da anguria causada pola derrota militar ante os Estados Unidos e a perda das colonias. Unamuno comparou a don Quixote con Cristo porque os dous andaban ás aventuras que lles deparase o camiño, defendían os ideais de xustiza e liberdade e porque, de vivir hoxe, ambos serían perseguidos e condenados:

«Si nuestro señor don Quijote resucitara y volviese a esta su España, andarían buscándole una segunda intención a sus nobles desvaríos».

«Y no nos quepa duda de que, si Cristo Nuestro Señor hubiese en tiempo de don Quijote vuelto al mundo, o si hoy volviese a él, […] le reputarían por loco o dañino agitador y le buscarían nueva muerte afrentosa».

Pois se fose Unamuno quen volvese hoxe á vida e vise o proceder do alcalde de Badalona, García Albiol, e dos seus seguidores, estou certo de que sentiría noxo e vergonza allea, e botaría ao lume os folios de eloxio ao quixotismo español.

O alcalde Albiol deixou de selo no 2021 por unha moción de censura, cando apareceu nos «papeis de Pandora» vinculado a un paraíso fiscal de Belice; pero recuperou o cargo no 2023 con maioría absoluta e sobráronlle escanos. Tamén ten a fachenda de ser o primeiro alcalde español xulgado por un discurso racista. Foi en 2013, pola denuncia que SOS Racismo presentara contra el a causa dos folletos que como candidato do PP repartira na campaña das municipais de 2011, acusando de delincuentes a todos os xitanos romaneses que viven en Badalona. O xuíz recoñeceu que cualificar a todos de delincuentes foi ofensivo e vexatorio, que vulnerou a honra dos que nunca delinquiron, e que non estivo nada fino ao aldraxar o colectivo chamándolle «lacra» e «plaga». Aínda así, absolveuno porque en todo iso non percibiu incitación ao odio.

Hai poucos días, en plena celebración do Nadal, o alcalde ordenou o desaloxo de catrocentos inmigrantes dun colexio fóra de uso; negouse a aloxalos nun albergue que leva tempo pechado, alegando que non está en boas condicións, e deixou claro que non disporá recursos para darlles outro teito.

A Unamuno reconfortaríao saber que cen párrocos e entidades relixiosas condenaron a actuación de García Albiol, pero pasmaría ante os seguidores do alcalde que rodearon as igrexas para impedir que algúns inmigrantes se acollesen nelas. Entón reflexionaría e concluiría que a verdadeira alternativa que Cervantes nos propón non é entre don Quixote e Sancho, senón entre don Quixote o bo e os García Albiol e demais xente sen alma.

Que o novo ano entre con ben.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)