«No Festival Emigrason temos que estar á altura da grande calidade dos nosos artistas»
O encontro de música galega en Bruxelas presenta a súa edición máis ambiciosa e dobra os días de concertos
La Voz de Galicia, , 20-11-2025Como é posible facerse referente dun panorama musical en só 3 anos e a 2.000 quilómetros de distancia? Non o sei, así que é mellor preguntar a Ángel, Claudia, David, Gara, Karan e Mateo, o equipo organizador do festival Emigrason en Bruxelas. Estes 6 mozos emigrados a Bélxica comentan na Rue Franklin (un lugar xa mitolóxico na música galega) as novidades e retos desta edición.
A cuarta edición deste festival de música terá lugar na capital belga os días 27 e 28 de febreiro. Baiuca, The Rapants, Ortiga e Sabela subirán ao escenario de La Madeleine o sábado, mentres que 9Louro, Fer, Paloma Paloma e Duendeneta Dilleis protagonizarán o venres. Este día tampouco faltará a foliada a cargo das bandas galegas ACG A Roda e a Irmandade galega na Suíza, ámbalas dúas chegadas do país helvético. As entradas saen á venda o próximo luns 24 de novembro.
O Emigrason non só é música, mais un evento que reúne á colectividade galega espallada por Europa. «É unha ocasión para vir visitar aos que estamos aquí e ser un punto de encontro», comenta Claudia. A primeira edición, no 2023, estaba pensada para os galegos en Bélxica, mais o éxito entre a xente en Galicia foi o catalizador para aumentar cada ano o aforo e, en cada ocasión, esgotar entradas. «Ten un sentimento de excursión de fin de curso entre artistas, creadores de contido, xornalistas e os que veñen da casa que axuda a crear comunidade».
O maior reto nesta ocasión é producir un show de calidade 2 días, non só un como ata agora. «Cada ano ten que pagar a pena os cartos que paga a xente para vir e, por suposto, queremos dar unha moi boa imaxe da cultura galega no exterior», explica Mateo. «Na primeira edición todo era máis “rústico”, pero en pouco tempo medramos de xeito progresivo e sostible», matiza. O equipo, ademais, non é sempre o mesmo: a natureza da migración e os compromisos laborais afectan ao numero de membros, que este ano baixa de 10 a 6. «Isto é autoxestionado no noso tempo de lecer. Tamén hai xente que volta á casa», explica Ángel.
A profesionalización é cada ano máis alta tamén nos artistas que acoden: hai 3 anos semellaba imposible traer un espectáculo como Baiuca, o pasado venres anunciárono como cabeza de cartel. «Ao final podémolo facer por mor da calidade dos artistas galegos, sen eles non habería demanda. Temos que estar á altura da súa calidade», di Gara, a encargada das relacións cos artistas. Queren que o Emigrason sexa un escaparate para o talento galego, por iso este ano van contactar con xestores de eventos e salas belgas para que vexan o festival e conten coas propostas en futuros eventos.
Un evento así non sería posible sen as marcas e institucións patrocinadoras, cada ano máis. David destaca que é a primeira edición na que as empresas achéganse para patrocinalos e non ao revés. «Custa convencer ás empresas que isto tamén é Galicia, pero os nosos socios están moi involucrados e son fieis. Ademais, teñen un retorno», comenta.
A nivel institucional, é un orgullo para eles ser un punto en común para as 3 forzas políticas principais de Galicia. O apoio dos 3 eurodeputados galegos, Francisco Millán Mon (PP), Nicolás González Casares (PSdeG) e Ana Miranda (BNG), é vital para eles. «O Emigrason é un exemplo da participación da diáspora na vida cultural e artística galega. Bruxelas ten que escoitar música en galego porque somos un pobo creativo», declara para La Voz Ana Miranda.
E como ven o futuro? «O momento que temos non é de crecemento en números, mais en sostibilidade. Queremos, por exemplo, xerar interese entre os belgas e así abrir novas oportunidades para os grupos que participan», expresa Karan. Nestes plans tamén hai outro soño: facelo en Bos Aires nun par de anos e así «pechar o círculo da nova e a vella emigración». Estes mozos xa teñen demostrado que hai propostas que semellan imposibles ata que se acadan, así que se preparen os galegos da Arxentina.
(Puede haber caducado)