Xornada de análise e reflexión sobre a migración, en Rodeiro

Haberá momento gastro-festivo e mesas redondas o sábado, no Parque do Lago

La Voz de Galicia, amelia ferreiroa, 03-09-2025

Oincremento de actitudes con tinturas racistas ás persoas inmigrantes que se están palpando nun segmento da sociedade levou ao Concello de Rodeiro a prantexar a celebración dunha xornada sobre a migración. Celebrarase este sábado dende as 16 horas, e pretende abrir reflexión e debate sobre «unha situación que parte dunha xornada local, pero que é extensiva a todo o territorio por afectar a todos os concellos e ao país enteiro. Estamos para mellorar a vida dos cidadáns e dos nosos veciños, e penso que falar da inmigración e da emigración é falar de Rodeiro, pero tamén é falar da nosa historia», apuntou o tenente de alcalde Alberte Lamazares.

O municipio de Camba que acolle a persoas de distintas latitudes: Arxelia, Marrocos, Venezuela, Colombia ou Siria, «unha importante comunidade que está ben integrada e coa que se mantén un bo ambiente social, e que pode supoñer un 20 % da poboación local», participará nas diferentes actividades que están programadas para o próximo día 6 no Parque do Lago, que se manterá no mesmo emprazamento —como puntualizou Lamazares— pero baixa carpa, en caso de meteoroloxía adversa

A programación da Xornada Raíces e Horizontes abrirase cunha dinámica de escoita, ás 16 horas, na que se darán a coñecer aportacións de varias persoas inmigrantes pero tamén aquelas necesidades que poidan padecer para acadar unha mellor integración sociocultural. Media hora despois arrincará a segunda mesa na que veciños que emigraron de Rodeiro a Venezuela anos atrás, ou a Suiza, falarán en primeira persoa das experiencias vividas nos países de acollida, ao igual que inmigrantes do Senegal, Marrocos ou Palestina que darán conta das súas chegadas e vivencias no país.

Concerto de Odaiko

A inmigración e a súa aportación cultural, demográfica e económica pechará a rolda de charlas desta primeira xornada sobre a migración en Rodeiro para dar paso ao chamado Momento Gastrofestivo, no que o grupo Odaiko será o encargado de amenizar a tarde-noite aos asistentes que tamén poderán gozar dunha ampla e variada degustación de produtos locais e dalgúns pratos típicos de Venezuela ou Marrocos que serán elaborados por nativos residentes no municipio.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)