Mulleres migrantes que aprenden galego para entender ás persoas que coidan

A asociación Faladoiros Vigo e o Sindicato Doméstico de Cuidados del Hogar aliáronse para ofrecer clases a 30 persoas e xa hai lista de agarda

La Voz de Galicia, Pedro Rodríguez, 28-11-2024

«Traballo con persoas que falan galego e non quero que cambien o idioma cando estou con elas», di Roxana (Venezuela). Vilmary (Venezuela), Mary (Perú), Milagritos (Perú) e Elizabeth (Colombia) asenten ao seu lado. As cinco forman parte do Sindicato Doméstico de Cuidados del Hogar de Vigo (Sintrahocu), unha agrupación formada na súa gran maioría por mulleres migrantes que viñeron «buscar unha vida mellor». Moitas delas, pola dificultade de homologar os seus títulos e profesións teñen que gañarse o xornal traballando nos fogares e coidando persoas maiores, «que falan galego e coas que queremos entendernos o mellor posible», indican. Algunhas nin sabían que existía o idioma antes de migrar, pero agora veñen cada semana ás clases que Gonzalo Vázquez, profesor de galego no IES Castelao e voluntario da asociación Faladoiros Vigo, imparte no local da asociación A Morada. «Que mulleres coma elas que podían ter elixido vivir só en castelán, o seu idioma materno, veñan aquí voluntariamente a aprender a nosa lingua é algo do que aprender e, tamén, un fío de esperanza para o idioma», destaca o seu profesor.

As clases comezaron hai dous meses e están a ser un éxito. O sindicato convocou 30 prazas e xa están esgotadas. Teñen até lista de agarda. Na clase soa «Varre vasoira» das Fillas de Cassandra. «Varre vasoira, vasoira miña. Fai moito tempo que non várre-la a cociña», canta o retrouso. É unha canción que lles representa e que «apuntan para escoitar na casa», di unha delas. «Aquí tamén estamos para descubrir a cultura do noso novo fogar», di Vilmary. Ela, como moitas das súas compañeiras, chegou aquí para «loitar por unha tranquilidade económica que é imposible de acadar no meu país». Outras, como Milagritos, deixaron o fogar e a familia para axudar a cumprir os soños das súas fillas. «Querían estudar dúas carreiras e eu vin aquí traballar para que elas puideran estudar», conta.

Ir a clases de galego é un paso máis do camiño que emprenderon ao deixar o país. Ter unha vida mellor tamén é «aprender, culturizarse e entender ás persoas e a realidade do lugar no que vives», conta Vilmary, que ademais de en Vigo, tamén viviu en Ecuador, onde aprendeu algunha palabra de quechua, a lingua nativa máis estendida de Sudamérica, coa súa compañeira de traballo. O idioma é oficial en Perú, pero nin Mary nin Milagritos, naturais do país, saben falalo. «Non o estudamos na escola e se non tes familia nativa só o podes aprender pola túa conta», lamentan. Por iso, opinan, está «moi ben» que o galego sexa obrigatorio na escola para que non se perda. «É boísimo, unha moi boa maneira de valorar o idioma e a cultura propia», destacan.

XOÁN CARLOS GIL

Elas aínda non saben dos prexuízos que hai asociados á lingua. Non os teñen nin os coñecen, pero algunhas xa os viviron. Varias persoas de «50 e 60 anos» dixéronlle a Milagritos que era unha perda de tempo que aprendera galego. Non o entende. «Se fose vivir aos Estados Unidos non dubidaría en aprender inglés», reflexiona. Ademais, o idioma abre portas ás persoas e aos traballos. Elizabeth intercambia palabras coa señora que coida. «Ela dime algunha en galego e eu comparto o seu equivalente en Colombia», conta. Roxana coincide. Nunha entrevista de traballo dixo que estaba aprendendo galego e dixeron «perfecto, así xa o falas cos meus pais». Agora, canda vai a casa do matrimonio «pídolles que me falen en galego, que así aprendo máis rápido». Tamén é a súa maneira de demostrar que as mulleres migrantes «viñemos traballar e, tamén, a formar parte da cultura local». , destacan.

«O certo é que teñen moito mérito», destaca o seu profesor. El fíxose voluntario da asociación Faladoiros Vigo, unha agrupación que ofrece a oportunidade de falar galego con sesións de conversa na Escola de Idiomas e na cafetaría De catro a catro, para impartir esta formación coas mulleres de Sintrahocu. «Son un exemplo cara a normalización da nosa lingua e, tamén, de esforzo. Aprenden moi rápido e teñen moita ilusión e compromiso», destaca Gonzalo. Son, en definitiva, un exemplo «para persoas que saben galego, pero non o falan», conclúe. Elas, no seu soño por unha vida mellor tamén son, en parte, esperanza para o galego.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)