Mellor ser un esquío

La Voz de Galicia, FRANCISCO CASTRO, 27-09-2024

Comentar · 0
Nunha comparecencia na ONU, a actriz Meryl Streep declarou que as mulleres en Afganistán teñen menos dereitos que os gatos ou os esquíos. Con esa brutal imaxe, quixo lembrar que hai un lugar do mundo (hai moitos máis, dende logo) onde as mulleres están esquecidas, abandonadas pola comunidade internacional, deixadas á súa sorte. Por certo, a palabra «sorte» e a palabra «morte», nese país e se es muller, son case a mesma. A última ocorrencia dos talibáns, é que non se lles pode escoitar a voz en público, que non poden falar, «polo carácter ferinte do son da voz da muller» segundo ditaron os barbudos gobernantes. Mentres, nós, pendentes de Venezuela, que tamén, claro, pero alleos ao feito de que no intre no que vostede le estas liñas, unha muller ou unha nena están sendo azoutadas no país do opio, quizais, porque as pillaron cantando.

É curiosa esta especie que chamamos humana. Somos quen de amar, coidar, respectar, ao resto dos animais. Ao mesmo tempo que montamos grandes granxas industriais onde os maltratamos para que engorden e os matamos con urxencia para darlle de comer ao sistema cárnico internacional que está absolutamente desproporcionado. É curioso ler, e non me parece mal, persoas que consideran que o seu gato ou o seu can son parte da súa familia. É curioso entrar nas redes sociais e ver que moitas mulleres e homes se definen como as «mamás» ou «papás» dos seus michiños, a quen exhiben en vídeos chusqueiros que nos arrincan sorrisos e tenrura. É curioso saber que este mesmo ser humano que é quen de facer leis de protección animal (a de España, das mellores do mundo, ao tempo que permite as touradas, toma contradición) fala sen pudor de pechar fronteiras a nenos e nenas que veñen fuxindo das guerras ou dos matrimonios concertados con adultos. O mesmo señor que choraría ata a desesperación se o seu gatiño enferma, di no bar, entre copa e copa, que o que hai é que sacar ás forzas navais para frear a invasión dos inmigrantes.

Un esquío pode atravesar Afganistán sen que lle pase nada. Unha muller afgana non pode saír soa á rúa sen que perigue a súa vida. Un gatiño en España, ou un can, se as autoridades saben que son maltratados, verán a súa vida salvada. E iso está ben. Pero neste mesmo estado, amoréanse aos humanos en centros de acollida que cada vez semellan máis campos de concentración, ao mesmo tempo que medran os odiadores profesionais que queren acabar con eles.

Ás veces é mellor ser un esquío. Ou un gato ou un can.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)