Uxía Novoa, secretaria da asociación Polamiúda: «Este ano queremos denunciar a opresión da muller migrante»
O colectivo feminista de Chantada, activo desde o 2017, convoca unha manifestación con motivo do 8M na praza de Santa Ana
La Voz de Galicia, , 08-03-2023Uxía Novoa López é a secretaria da asociación feminista chantadina Polamiúda, que foi creada no 2017. O colectivo convocou para este mércores unha concentración con motivo do 8M e prepara outras actividades para as próximas semanas.
—En que consisten os actos que teñen previstos para este mércores?
—Ás oito da tarde haberá unha manifestación que sairá da praza de Santa Ana e terminará na praza do Cantón coa lectura dun manifesto. No percorrido faremos paradas en determinados puntos, como na residencia de maiores, para dar visibilidade ao traballo das mulleres como coidadoras, que non se recoñece debidamente. Na manifestación cantaremos unha canción titulada Por ela vou, composta por Elena Fernández, que é unha integrante da nosa asociación, e tamén o Verdegaio lilás, que é unha versión da canción tradicional O verdegaio. Pero queremos sinalar que o 8M non é unha data de celebración, é un día de reivindicación e loita polos dereitos das mulleres.
—Neste 8M destacarán de forma especial algún dos problemas que afectan ás mulleres?
—Cada ano queremos centrarnos nun problemática determinada. O ano pasado incidimos nas dificultades con que se encontran as mulleres no mundo da administración. Este ano queremos centrarnos en denunciar a opresión e a discriminación que sofren as mulleres migrantes.
—Están preparando agora outras actividades?
—O día 18 organizaremos unha charla da profesora e activista Souadou Mohamed Fadel, que falará do papel das mulleres na loita pola liberdade do pobo saharauí. Será no auditorio municipal a partir das seis da tarde. Para o mes de maio preparamos outra actividade que aínda estamos perfilando e que unirá a música, a poesía e a cultura. Queremos potenciar as iniciativas deste tipo para acercar o feminismo a todas as esferas da sociedade, é dicir, pensamos que é importante promover accións de lecer e esparexemento que axuden a achegar o discurso feminista ás persoas máis reservadas e escépticas. Canta máis influencia teñamos na sociedade, máis posibilidades teremos de impulsar cambios sociais para que a situación das mulleres mellore. Temos previsto facer máis cousas ao longo do ano, pero aínda están sen concretar.
—Contan con algunha axuda oficial para financiar as súas iniciativas?
—Nos anos que leva funcionando a nosa asociación, contamos unicamente coas cotas das asociadas e cos cartos que obtermos na venda de pequenos produtos ilustrados cos nosos deseños. Organizamos actividades formativas, divulgativas e de concienciación, ademais de promover accións reivindicativas e de rúa. Creamos esta asociación no 2017 porque consideramos que era moi necesario que houbese un colectivo deste tipo na comarca de Chantada. Pensamos que durante este tempo a nosa asociación desenvolveu un labor importante e que tivo un efecto positivo, pero queremos organizar máis actividades e para iso necesitamos contar con máis fondos, porque nos nosos recursos son bastante limitados.
—Como pretenden aumentar os seus recursos?
—Acabamos de pór en marcha unha campaña de captación de fondos para que todas as persoas que o desexen poidan axudarnos con achegas económicas. Con este obxectivo creamos unha conta bancaria que se pode consultar no noso perfil de Facebook. Necesitamos axuda para organizar proxectos como o que temos previsto para maio.
—Colaboran con outras asociacións feministas?
—Formamos parte da plataforma Galegas 8M, que nos últimos anos organizou manifestacións conxuntas en varias localidades de Galicia, como Verín, Lugo e Vigo. Queremos tecer redes con outros colectivos feministas e gustaríanos estender as nosas actividades o máis posible, pero de momento centrámonos en Chantada porque somos unha asociación modesta. Somos unha vintena de socias activas, aínda que contamos con outras persoas que colaboran con nós de maneira ocasional.
O Día da Muller conmemórase con actos en dez municipios
Estes son os actos previstos para este mércores no sur da provincia con motivo do Día da Muller:
(Puede haber caducado)