A boa xente do mar
La Voz de Galicia, 27-07-2006SON mariñeiros curtidos nos perigos do mar, sete alacantinos de Santa Pola e catro galegos de Muxía. Saíran á costeira da quisquilla, lonxe, porque os caladoiros próximos están esgotados. En alta mar avistaron unha embarcación á deriva, con medio cento de persoas a bordo. O patrón do pesqueiro español debeu de lembrar que el mesmo fora anos atrás auxiliado nunha situación semellante. O barco no que navegaba tiña unha vía de auga e quedou á deriva ata que un barco italiano recolleunos e levounos á costa máis próxima. Dende alí mandáronos rapidamente a España.
>
Eles estaban perto da illa de Malta. Pensaron que sería cousa dun día ou dous desembarcar aos náufragos alí. Cada día que deixan de pescar representa seis mil euros de perda, pero funcionou a solidariedade que no mar ten salvadas tantas vidas. Non dubidaron en recollelos: hoxe por ti, mañá por min… Non podían imaxinar o inferno que lles agardaba.
>
Para paliar as situacións de inxustiza a que poden chegar os Estados no asunto de recibir inmigrantes e os problemas nos que se meten os barcos que os recollen, promulgaron as Nacións Unidas leis internacionais que obrigan a todas as nacións implicadas nun naufraxio a cooperar co capitán do buque que recolle aos náufragos para que poidan desembarcalos nun porto seguro. Pero estas leis son como a convención de Ginebra: papel mollado cando interfiren cos intereses dos poderosos.
>
Durante unha semana, mentres agardaban a que lles permitiran desembarcalos, os tripulantes do pesqueiro compartiron con 51 inmigrantes, baixo un sol abrasador, os dous únicos servizos do barco e a comida que levaban para a costeira. ¿Quen compartirá con eles as perdas de mais de corenta mil euros polos días que deixaron de faenar?
>
A Cruz Roxa deulles unha medalla de ouro. Confiemos en que non reciban só condecoracións, porque con iso non come unha familia todo o inverno. Oxalá que as boas xentes do mar non teñan que ollar para outro lado cando avisten un barco á deriva.
(Puede haber caducado)