Xulio Gutiérrez: O biólogo apaixonado polas cantigas

La Voz de Galicia, CELIA RIANDE, 24-11-2022

Dicía Einstein que todos somos ignorantes, o que ocorre é que non todos ignoramos as mesmas cousas. Ao escoller o noso camiño, adquirimos coñecementos sobre certos campos, xa sexa traballando, estudando, ou por un interese completamente vocacional. A frase, aínda que a dixese o famoso científico de pelo descontrolado, repítea Xulio Gutiérrez Roger, profesor xubilado de bioloxía no instituto de A Pobra e un dos integrantes do grupo de música medieval e renacentista Menestreis. No seu caso, de ignorante non ten nada. Ademais dos seus coñecementos como biólogo, Xulio conta cunha vida dedicada á música e ao seu estudo. Trátase dunha paixón herdada do seu avó, organista, que pasou a vida deleitando os oídos daqueles que acudían á igrexa.

É precisamente entre as paredes dun templo onde Xulio descobre a súa paixón pola música, cando o cura do seu colexio lle entrega un micrófono e lle pide que cante. «Nunca me deu vergoña, cando meu avó non tiña voz, cantaba eu. Sempre foi algo moi natural», conta Xulio Gutiérrez.

Primeiros pasos

Deste xeito, sen sabelo, comezaba o instrumentista a cultivar un eido que nunca abandonaría: o da música. Aínda que fai os seus primeiros pasos en bares e tugurios da zona, Xulio Gutiérrez descobre pronto que a música non lle vai a dar para comer, polo que recorre á súa segunda paixón: a bioloxía. «Eu vivín nas miñas carnes o difícil que era vivir de actuar, e decidín ser funcionario, dedicándome a outro campo que me fascina, que é dar clase».

Entre alumnos e libros de bioloxía pasa a súa vida Xulio Gutiérrez, ata que en setembro de 2017 recibe unha proposta que cambiaría o resto da súa vida. O boirense, Xosé España, clarinetista en Venezuela e profesor de música, estaba construíndo un grupo de música antiga ao que lle faltaba unha peza: alguén que tocase corda. «Aí comezo a andaina que é Menestreis. Eu xa tocaba música antiga pero non de forma estable. No meu repertorio sempre houbo cancións antigas, clásicas, barrocas, pero agora hainas máis que nunca».

Co falecemento do director de Menestreis, Xosé España, o grupo, que xa levaba unha boa traxectoria de xiras e concertos por Galicia, perde actividade. Como tantas outras cousas, non foi ata que estoupa a pandemia que obriga a quedar na casa, cando os integrantes do grupo senten a inquedanza de volver ás andadas.

«Decidimos que había que reavivar o proxecto. Falamos cunha cantante e formamos o grupo que temos actualmente: tres instrumentistas e unha voz». É nese momento cando Xulio Gutiérrez se embarca no seu proxecto musical máis ambicioso. Trátase do cancioneiro Cantigas quero eu lembrar, o froito de sete anos de traballo musicolóxico no que, acompañado do seu equipo, dálle a volta ao traballo de Alfonso X e as súas Cantigas de Santa María para recuperar os versos de case 2.000 cantigas profanas e emparellalas coas melodías medievais da época.

Problemas de outrora

Se hai algo que apaixona a Xulio Gutiérrez é a música medieval. A súa fascinación polas letras, por aquelas historias silenciadas, transmítese a través das súas verbas antes de facelo a través das súas cordas. «Todos os problemas que temos hoxe, existían daquela. Hai cantigas de amor lésbico, de racismo, de mulleres maltratadas, da trata, da complexidade das relacións maternofiliais, de todo o que podas imaxinar», explica entusiasmado o cordista.

Como persoa experimentada, que di o propio Xulio Gutiérrez, actuar en directo é unha experiencia irrepetible. Ao falar sobre os seus concertos, o músico soña coas reaccións do público coma se as puidese ver nun recuncho dos seus ollos. Asegura, iso si, que malia os anos de experiencia, un certo nerviosismo nunca desaparece cando vas actuar fronte a máis persoas: «O día que esteas tranquilo, nin ganas o partido nin fas ben a actuación».

En canto ao futuro, o membro de Menestreis sinala á Internet: «Temos unha ferramenta marabillosa que proporciona novos modos de chegar ao público. Hai algo que xa está cambiando, preparamos vídeos curtos para as redes sociais e temos a nosa propia web». Neste sentido, Xulio Gutiérrez non dubida da importancia deste tipo de plataformas para o mundo dos músicos, especialmente os novos: «Compartimos titoriais en vídeo para que outros intérpretes aproveiten o noso traballo musicolóxico».

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)