Especialización, condicións dignas e arraigo familiar
La Voz de Galicia, , 06-11-2022O debate sobre a carencia de traballadores no campo galego é complexo, non é tan sinxelo e fácil de solucionar como abrir o catálogo de ocupacións de difícil cobertura para traer estranxeiros, como pretende o Goberno, ou modificar o Regulamento de Estranxeiría, como fixo o Executivo hai uns meses sen contar co consenso tripartito que se viña mantendo en torno á política de migración laboral.
A primeira consideración é que, para UGT, non é que exista unha carencia de man de obra en España, con tres millóns de persoas desempregadas. Non se pode pretender colmar as lagoas con man de obra subsidiaria, hai que apostar por condicións de traballo dignas, estables e por facilitar formación. Tamén que dende os servizos públicos de emprego das comunidades autónomas se dote ás persoas en paro de itinerarios e dos resortes necesarios para acceder a un posto de traballo co fin de garantir un axuste entre a oferta e a demanda.
Para elo, é fundamental tamén dotar a estes servizos dos recursos necesarios e impulsar verdadeiras políticas activas de emprego dende as administracións.
Que sucede no agro galego? Contestar a isto obriga a partir dunha contextualización marcada pola desagrarización tardía, pero abrupta en Galicia. En seis décadas concéntrase unha caída do emprego agrario que nos países desenvolvidos foise graduando ao longo de ata dous séculos. Despoboamento, envellecemento, perda de servizos e equipamentos debuxan un panorama pouco atractivo para achegarse á actividade agrícola e gandeira.
Por iso, hai que apostar por políticas, accións e proxectos que potencien a agricultura familiar e por estratexias de diversificación da actividade que favorezan a fixación e estabilidade do emprego. Acompañado isto de plans que potencien servizos e equipamentos no medio rural e, sobre todo, políticas migratorias inclusivas e de aplicación práctica que faciliten a chegada de sabia demográfica nova ás aldeas que corrixa a actual tendencia.
Para facilitar a contratación, sería preciso mellorar a formación dos traballadores, xa que en sectores como a gandería son precisos uns coñecementos de manexo de animais e equipos básicos para acometer as tarefas; o mesmo sucede no forestal, viticultura ou horta. As necesidades de man de obra en Galicia non pasan simplemente por traballadores temporeiros, senón por unha especialización que debería ir acompañada dun arraigo familiar para poder garantir a continuidade que precisa o noso agro.
As explotacións agrogandeiras emprazadas en aldeas infrapoboadas son o mellor activo para facilitar o triplo obxectivo, social, demográfico e económico. Precisamente, nun marco global cara unha agricultura con funcións sociais, económicas, territoriais e ambientais poderemos apelar a unha inmigración ordenada e con vocación de arraigo en base a tres parámetros, a formación, a estabilidade e o mantemento dos grupos familiares.
(Puede haber caducado)