Lucía Guerra: «O idioma é de entrada a primeira gran barreira dos inmigrantes »
A impartición de clases de galego para cativos é unha das novidades deste curso
La Voz de Galicia, , 07-12-2021OConcello de Silleda ten en marcha desde hai varios anos un programa de alfabetización e integración cultural para a poboación inmigrante do municipio. Baixo o nome de Anduriña leva a cabo unha serie de clases de balde nas dependencias da Casa da Cultura, que neste curso tamén se ampliou aos cativos. O programa, posto en marcha a través dos departamentos de Educación e Benestar Social, inclúe sesións de lingua e cultura española para persoas maiores e tamén aulas de galego, ás que se suman agora as aulas infantís de galego nas tardes dos venres para os rapaces. A estradense Lucía Guerra é a encargada de impartir estas sesións formativas á colectividade inmigrante.
—Ensinar galego á cativada inmigrante é entón a principal novidade que presenta o programa este ano?
—Si. A principal novidade é a extensión do programa aos cativos desas familias que proceden doutro país, e que decidiron asentarse entre nós. Eles precisan coñecer o idioma galego de xeito inmediato, xa que ao estar escolarizados, nos vindeiros cursos terán que ser avaliados tanto en galego como en castelán. Ademais o programa é un gran recurso para os centros educativos de Silleda xa que lles axuda a complementar a formación en lingua galega deses alumnos. Definitivamente iso favorece o proceso de integración e o de ensinanza-aprendizaxe nos centros educativos.
—Cal é o perfil da persoa que acode ás sesións?
—A maior parte dos usuarios son mulleres con fillos ao seu cargo, e que proceden en gran medida de países latinoamericanos. Veñen ás sesións ao precisar do coñecemento e do dominio da lingua galega para poder desenvolverse no día a día, e mesmo tamén para poder optar a ser unha candidata nos postos de traballo que se oferten.
—De que países proceden maioritariamente?
—A maioría das persoas que están nas clases de galego proceden de Latinoamérica, pero moi especialmente de Venezuela. Son persoas pois que, se ben comprenden o castelán, presentan dificultades na comprensión oral do galego pois na escrita atopan moitas semellanzas co español. É así que ao non ser quen de expresarse nin entender oralmente o galego atópanse cun atranco na súa vida diaria e tamén á hora de atopar emprego. Somos todos plenamente conscientes de que estamos nunha comunidade maioritariamente galegofalante; alomenos aquí, logo noutras zonas pode suceder o contrario pero alomenos en Silleda fálase de xeito maioritario o galego e teñen a dificultade do idioma qué é de entrada a principal barreira coa que se encontran.
—Nas clases de castelán entendo que será diferente.
—Si. Nas sesións de castelán, que se inclúen no programa Anduriña, predominan as persoas de procedencia de países árabes. Son persoas que se comunican a nivel básico en español pero que precisan mellorar a lingua, sobre todo a nivel de vocabulario e tamén desde o punto de vista gramatical. Necesitan pois o coñecemento máis a fondo desta nosa lingua para poder desenvolverse no día a día; por exemplo, nas escolas dos seus fillos e fillas, á hora de mercar e de realizar as actividades diarias na rúa, cando teñen que acudir a algunha cita médica e por suposto para poder acceder a un emprego. É unha das necesidades máis básicas e unha das que máis lles preocupan cando chegan ao pobo. Por iso o concello decidiu artellar este programa, que xa ten varios anos de andaina, e consegue reunir todos os anos nas aulas a decenas de inmigrantes residentes en Silleda.
«É fundamental para unha persoa que chega que se senta acollida e valorada»
O programa Anduriña naceu co obxectivo de ofertar unha programación de actividades destinadas a ofrecer o apoio necesario para ter os coñecementos básicos da lingua e cultura española e tamén da lingua galega que axude aos participantes no seu proceso de integración social nun municipio que conta con máis de 800 inmigrantes de diferentes nacionalidades.
—Estanse conseguindo ditos obxectivos.
—Según a concelleira Ángela Troitiño, responsable dos departamentos de Educación e Benestar Social, parece que se están conseguindo os obxectivos polos que naceu esta iniciativa. Centos de persoas achegáronse ás aulas ao longo destes anos, e sempre que se abre un novo período formativo contamos con alumnado. Iso significa que a demanda se mantén no tempo e os inmigrantes valoran positivamente o servizo.
—Estamos entón ante un óptimo acollemento.
—Si e é lóxico. Ninguén marcha do seu país se non é por unha causa xustificada. Polo tanto eles poñen todo da súa parte para formarse e aprender o que poidan, tanto da lingua como da cultura, ou alomenos unha gran maioría. Para nós é moi importante que se sintan ben, de aí que nos cursos se fagan moitas dinámicas de grupo á vez que coñecen o galego. É fundamental para unha persoa sentirse acollida e valorada, e son dúas características que se esfuman coa emigración.
—Según os últimos datos rexistran uns 800 inmigrantes , por que escolleron Silleda?
—Será polo bo trato que se lles dispensa. Dende Benestar Social axúdaselles cos alugueiros, bonos da luz e alimentos se o necesitan, clases coma estas que comentamos. Parece que están a gusto e no departamento comentan que o que chega a Silleda quédase.
(Puede haber caducado)