A utopía da integración
La Voz de Galicia, 19-02-2006O MINISTERIO de Integración de Dinamarca gasta 150 millóns de euros anuais en facilitar durante tres anos o ensino gratuíto do idioma aos inmigrantes. Á vista dos atentados de Madrid e de Londres e das reaccións ás caricaturas de Mahoma, comenta: «Démoslle educación e traballo e non abonda. ¿Que máis podemos facer?».
En Europa predomina unha actitude de culpabilidade, como se a falta de integración dependese dunha e non das dúas partes. Recórdame aquel dito, que se aplicaba sobre todo as liortas entre parellas: «Cando un non quere, dous non rifan».
As cousas non son así, nin entre home e muller nin entre inmigrante e nativo. Para non rifar teñen que estar os dous dispostos a non facelo. E, francamente, non parece que a actitude dos musulmáns sexa conciliadora nin comprensiva.
Comentaba eu isto con dúas vellas amigas miñas, europeas, que viven dende os dezasete anos en Estados Unidos. Respondéronme que a pregunta máis frecuente que lles fan a elas cando coñecen alí a unha nova persoa é: Where are you from? (¿De onde é vostede?). Elas entenden esa pregunta como si lles dixesen: «Vostede non é de aquí». Ou sexa, como unha marca de marxinación.
Fiquei abraiada porque a min paréceme unha pregunta normal, que eu mesma fago cando non identifico polo acento a orixe do interlocutor. Elas dixeron: «Esa pregunta marca a diferenza entre ti, que es do país, e o outro, que é de fóra».
Pódolles asegurar que son mulleres equilibradas, intelixentes, cultas e boas persoas. Son escritoras, profesoras universitarias, brancas, guapas, ricas, estimadas intelectualmente a nivel internacional… En fin, ao meu xuízo, unhas privilexiadas. Pero non son nativas de América.
Se xente coma elas advirten aínda signos de exclusión, ¿que sentirán os musulmáns no mundo occidental? A xulgar polos seus actos, eu diría que se senten desprezados, e que ese sentimento de marxinación orixina neles odio e desexos de vinganza.
A integración, de momento, é unha utopía remota.
(Puede haber caducado)