Convivencia
La Voz de Galicia, , 08-09-2017Cando España é golpeada salvaxemente polo terrorismo como o foi hai escasas semanas Barcelona, as alarmas da intolerancia saltan e póñense en niveis máximos. Pero, por sorte, vivimos nun país acolledor e, agás excepcións puntuais, exemplo de tolerancia e respecto á diversidade. A quen di que case todo o mundo é migrante nalgún momento da súa vida non lle falta razón. Non é necesario cruzar o charco ou irse a vivir á outra punta do continente para ter unha experiencia como emigrante. Quen non estudou noutra localidade, fixo un curso ou pasou unha tempada fóra de casa? Ferrol non queda á marxe diso, senón todo o contrario. Non hai moito, La Voz de Galicia ofrecía un dato revelador: a principios de xaneiro contabilizábanse 18.019 persoas da comarca no estranxeiro, 4.889 procedentes de Ferrol. Pero é que, ademais, a esta cifra hai que sumar os milleiros que se foron da cidade pero residen no país. Aínda que, dada a súa situación socioeconómica, Ferrol reflicte un saldo negativo no balance emigrantes/inmigrantes , o certo é que se aínda non perdeu máis poboación é precisamente grazas aos centenares de persoas que chegaron, e seguen chegando, de diversos puntos do planeta á nosa localidade buscando unha vida mellor… ou unha vida, sen máis. Non perdamos esa oportunidade de facer cidade desde a diversidade, a integración e a tolerancia; o mesmo que agardamos cando marchamos nós. Esta tarde podemos dar un paso nesa dirección nun barrio con moito simbolismo: Ultramar, cuxas súas rúas latinoamericanas acollerán unha interesante xornada intercultural e gastronómica. Acudamos e sexamos exemplo de convivencia.
(Puede haber caducado)