PORTADA GALICIA TRIBUNA
Reflexións arredor do odio
La Voz de Galicia, , 15-07-20160
0
0
O odio entendémolo normalmente como un sentimento profundo, a máxima expresión de ira e hostilidade cara a unha persoa, obxecto ou grupo, e aínda que pode e debe tratarse por ben da saúde da persoa que o sente, si podemos afirmar que non se pode considerar un estado emocional temporal senón máis ben unha actitude ou disposición.
Odio, rancor, ira e agresividade, malia ser emocións naturais, se non se canalizan e se xestionan de xeito adecuado, co tempo producen un resentimento que acaba arraigándose na persoa de tal xeito que chega a desequilibrar mente e corpo. Isto é así porque cando unha persoa xera ideas negativas cara a un inimigo que van aumentando en intensidade, poden provocar numerosos problemas: desde ansiedade ata enfermidades psicosomáticas, porque a mente, as emocións e o corpo están comunicados; somos seres biopsicosociais e funcionamos de forma interdependente.
Transmitir sentimentos semella máis doado a través das redes sociais xa que aquí se eliminan as barreiras físicas, e no anonimato, que parece darse a través destes medios, podería entenderse como máis extensible e que atrae de xeito máis doado adeptos a unha forma de pensar, ser ou actuar; da capacidade crítica de cada quen dependerá o éxito ou fracaso na transmisión de ideas ou sentimentos a través de calquera medio de comunicación.
De novo se impón o valor dunha educación de base que fomente un pensamento crítico e que nos axude a ser menos vulnerables ás ideas, formas de pensar ou actuar que poidan vir de persoas que nin coñecemos. A vida chea de resentimentos e odio desde ningún punto de vista pode considerarse como algo positivo e para a persoa que o sente supón un desgaste de enerxía que podería empregarse en buscar solucións ao que sinte e vivir e darse a oportunidade de ser e contribuír a facer unha sociedade un pouco máis feliz.
M. Jesús López é presidente da sección de Psicoloxía da Intervención Social do Colexio de Psicoloxía de Galicia.
(Puede haber caducado)