«Moita xente nova meteuse a vender en mercados e con maior incidencia de emigrantes»

La Voz de Galicia, , 25-01-2015

A xeración de feirantes na familia de Mari comeceu cos seus pais. Un dos seus avós xa percorría parte da comunidade pero como tratante «e tiña tamén un secadeiro de piñas. Quen se meteu no das feiras foron meus pais, agora nós e tamén o noso fillo maior estivo botando unha man pero o sector está mal e está buscando outra cousa».

- ¿Non haberá entón relevo xeracional?

- Se isto non cambia penso que non. O sector pasa por un bache moi fondo debido á crise e o noso fillo maior estaba con nós nos mercados pero isto non acaba de arrancar. É unha pena pero agora mesmo non está isto para que continúen eles ao fronte do negocio familiar. Haberá que esperar e ollar se comeza a tirar isto…

- Pero nos mercados hai presenza de vendedores mozos…

- Moita xente nova meteuse a vender ao non atopar outra cousa pero a maior incidencia é de emigrantes e se segue así isto acabará sendo de catro.

- ¿Pagan moito por asentarse?

- Bastante tal e como están as cousas. En Lalín pagamos por adiantado un ano, en Vilagarcía desembolsamos por reserva de espazo e logo se paga o posto cando se vai e noutros sitios pagamos de xeito trimestral ou semestral. É igual se vas ou non, se vendes ou se marchas coa mercaduría. O pago hai que facelo.

- Clientela fiel…

- Teño clientes dende fai máis de vinte anos, que coñezo dende a mocidade… O trato coa xente é algo que me encanta e que non mudaría por nada do mundo.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)