Ocultando o fascismo
La Voz de Galicia, , 07-12-2014O BNG forma parte da consciencia máis crítica e transformadora deste país. A crise sistémica actual, o colapso do réxime político e institucional do 1978 e as consecuencias que a ausencia de soberanía teñen para a Galiza, no social e no económico, poñen en valor as nosas análises e posicións históricas, que representan todo o contrario do que defende o autor do peculiar artigo El BNG Blues: tan lejos, tan cerca.
Non podemos aceptar a interpretación interesada e nesgada que dá Roberto Blanco Valdés sobre as opinións que o BNG emitiu en relación ao asasinato dun seareiro galego en Madrid.
1. A posición do BNG é clara e inequívoca: No fútbol, como na sociedade en xeral, non debe haber cabida para comportamentos violentos, non se debe transixir con eles e débense poñer os medios para a súa erradicación.
2. Transmitimos as condolencias á familia e amizades do asasinado, criticamos que non se procedese á suspensión do partido, rexeitamos as declaracións de Javier Tebas, ex militante da organización fascista Fuerza Nueva e presidente da LFP («el partido se habría suspendido si hubiese muerto un aficionado normal») e pedimos explicacións pola incomprensíbel lasitude da actuación dos poucos medios policiais presentes.
3. Rexeitamos o tratamento mediático da maioría de medios españois, nun exercicio de desinformación masiva coa vontade case unánime de agochar o carácter fascista do grupo Frente Atlético, a tentativa de equiparar as dúas afeccións baixo o discurso cínico da equidistancia e mesmo a intención de criminalizar as vítimas e minimizar a responsabilidade dos agresores. Resulta lamentábel o seguidismo que algúns segmentos mediáticos e políticos do noso país tiveron estes días, incapaces de atenderen aos datos que desmontaban a «versión oficial» de Madrid.
4. Non hai lugar para a equidistancia diante do fascismo. O Frente Atlético é unha organización neonazi, que actúa de forma violenta e incita ao odio racial, á discriminación e á violencia. Non imos dar por bo o discurso galegófobo e equiparador que se tentou instaurar. Que non nos confundan. Nin en Riazor, nin en Balaídos, nin no Couto, nin en Pasarón, nin no Anxo Carro… nos campos galegos non ondean aguiachos franquistas, esvásticas nazis, símbolos racistas. Quen quixer achar esa escoura parafascista, que mire fóra. E quen debe asumir a responsabilidade de combatela, que o faga.
5. Os poderes públicos teñen que velar pola vida de todas as persoas. Non hai mortos de primeira e de segunda nun Estado de Dereito digno de tal nome. O esencial é que se aclare o acontecido, e se tome a serio a existencia de grupos violentos de ideoloxía fascista en diferentes territorios do Estado español. É a eles a quen deben dirixir a atención as forzas policiais e os responsábeis políticos do Ministerio de Interior e da Delegación do Goberno, e non á represión das lexítimas, democráticas e pacíficas formas de protesta ou acción social que desenvolve polo país adiante a cidadanía que se opón ao actual estado de cousas.
Xavier Campos é membro da Executiva Nacional do BNG
(Puede haber caducado)