Invisibles
La Voz de Galicia, , 30-10-2014Hai un pequeno espazo nas redes sociais dedicado aos «emigrantes invisibles», españois que chegaron a principios e mediados do pasado século a Estados Unidos deixando todo atrás. Grazas ao tesón de dúas persoas, e a colaboración dos descendentes, ademais das posibilidades que ofrece o mundo no que estamos, recuperan caras, historias, dramas, alegrías: vidas anódinas que, doutro xeito, quedarían esquecidos para sempre, incluso para os seus. Lémbrame o museo da batalla de Fromelles, en Francia: o achádego casual de centos de restos de soldados mortos na Gran Guerra no medio de leiras permitiu enterralos con dignidade e abrir un museo para saber quen eran pórlle rostro a aqueles osos, grazas ás familias e ao ADN. Conmove ver as fotos, sinxelas, alegres, antes de chegar aos campos de batalla. Reviven. En Fromelles si que brotan as papoulas.
Non é o caso, non marcharon por unha guerra (si, se falamos da económica, da supervivencia), pero moitas veces acórdome dos nosos emigrantes invisibles. Miles de persoas da Costa da Morte que se foron para América, e para Europa, e que aínda seguen aló, ou xa nunca volveron. Nos seus días mecánicos, nas lembranzas dos seus, da terra. Os outonos que pasaban, ano tras ano, coa esperanza perdida (ou querida). Moitas veces contada, incluso poetizada, pero nebulosamente, como os cantos de grilos no medio da ramada.
Cantas caras e historias descoñecidas que se nos foron para sempre.
(Puede haber caducado)