Princesa

La Voz de Galicia, María Canosa , 18-08-2014

Nunca fun de chamarlles ás nenas princesas. Nin aos nenos príncipes, aínda que non facer isto último, é moito máis común. Eu son máis de parrulas e parrulos. Pero o nome coa que bautizaron á nena marroquí que chegou sen pais nunha patera ás nosas costas, paréceme ben acaído. Princesa. Non é ironía, non o mal interpreten, pois nestes asuntos, non caben licenzas deste estilo. Dígoo con convencemento. Seguramente non chegará a ser princesa dun reino, aínda que nunca se sabe o que nos ten deparado o futuro para cada un de nós, sempre incerto. Polo de agora, tampouco é unha princesa ao uso protagonista dun conto de fadas. O dela é unha realidade ben distinta. Por que, daquela, o de Princesa? Pois porque vén sendo así coma a versión actualizada da Marquesiña de Castelao, aquela que retratou en Cousas, e que aquí lles deixo textualmente: «Chámanlle a Marquesiña e os seus peíños endexamais se calzaron. Vaí á fonte, depelica patacas e chámanlle a Marquesiña. Non foi á escola por non ter chambra que pór e chámanlle a Marquesiña. Non probou máis lambetadas que unha pedra de zucre e chámanlle a Marquesiña A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués. E aínda lle chaman a Marquesiña». Descoñezo como foi o futuro da Marquesiña, así como non podo adiviñar o de Princesa. Desexaría que fosen mellores do comezo que tiveron, pero como mínimo, aquí temos dúas mostras que nos farán pensar en como e canto avanzou a sociedade uns noventa anos despois daquelas Cousas.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)