Cruz Vermella atendeu a 44 familias dezás en 4 meses

A oenegé imparte cursos de español a mulleres inmigrantes e de memoria e iniciará o sábado un de primeiros auxilios

La Voz de Galicia, amelia ferreiroa, 04-06-2014

Cruz Vermella conta dende o pasado mes de febreiro cunha sede na capital dezá, nun local sito no Lalín Arena, dende o que se tenta dar resposta ás distintas demandas que prantexa a cidadanía. A responsable da oenegé en Deza, Silvia Vázquez, recoñece que a situación na zona é delicada e motivou a atención a un total de 44 familias nos últimos 4 meses. «Foron familias ás que se lles fixo entrega de axudas en forma de alimentos e tamén se lles pagaron recibos de luz e de auga, segundo as necesidades máis acuciantes en cada un dos casos que chegaron á oficina. Unhas axudas que podemos brindarlle a estas familias gracias ao Sorteo do Ouro de Cruz Vermella, que se celebrará o vindeiro 17 de xullo, e cuxa recadación se destina a estas cuestións». Onte mesmo aproveitando a celebración da feira en Lalín voluntarios do colectivo estiveron a vender cupóns «que se poden seguir mercando en establecementos de Lalín e tamén nas oficinas de Cruz Vermella». Unha sede dezá, que malia aos poucos meses que leva operando na zona, promoveu un importante volume de actividades; moitas delas en forma de cursos. Neste mes de xuño arrancaron as clases de lingua española ás que asisten unha docena de mulleres inmigrantes. «Son arxelinas e marroquies ás que se personaron na nosa oficina á procura dun curso desta índole xa que queren buscar un emprego pero para iso necesitan dominar o idioma. Dúas voluntarias son as que están a impartir as ensinanzas a este grupo». Por outra banda na parroquia lalinense de Botos continúa desenvolvéndose ata finais de mes un taller de memoria, que «posteriormente tentaremos impartir noutra parroquia na que exista demanda», sentencia Silvia Vázquez quen destaca tamén o éxito da recén impartida charla sobre economía doméstica á que asistiron 25 persoas. Outro dos cursos que comezarán axiña é un de primeiros auxilios en bebés e cativos, que se impartirá os vindeiros días 7 e 14 de xuño, e para o que xa están anotadas 18 persoas. «Trátase dun cursiño novidoso que se levará a cabo de maneira intensiva de 9 a 14 horas dous sábados consecutivos».

Cruz Vermella en Lalín dispón tamén dun punto de orientación laboral no que se lle brinda asesoramento e información ás persoas demandantes de emprego, e no que están inscritas 53 dezaos. A oenegé conta na actualidade cunha docena de voluntarios, á agarda de incrementar en breve dito número. «Está previsto celebrar mañán – por hoxe – un curso de formación para outros catro voluntarios máis para que se unan ás nosas actividades».

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)