Historias turbadoras sobre a condición humana contadas por seres humanos
josé maría de la viña varela
La Voz de Galicia, , 22-10-2013«Y bueno? qué querés que te diga», que ti non viras, afortunado espectador…
Que pobo máis culto: cheo, de novo, o salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo para ver a cuarta obra de sala do FIOT. Para ver a Juan Diego Botto, aclamado e admirado actor hispano-arxentino; fillo dunha muller comprometida coas artes escénicas e dun actor desaparecido na ditadura arxentina. Así que sabe do que fala: o rapaz está ben aprendido. En pouco tempo amosa as súas cualidades de bo actor.
Son as nove pasadas. O salón de actos está ateigado de xente. Pouco a pouco vanse ocupando os últimos asentos. O pano non se corre porque xa está aberto de par en par, mentres o público entra. Ocupa todo o posible espazo de escenario, e (penso) máis que houbera. Semella a terminal de carga dunha estación ou dun aeroporto. Maletas aquí e acolá. Unha cinta sen fin, carrexa de cando en vez algunha que cae. Un home cunha lanterna móvese silencioso e misteriosamente dun lado a outro. Sen instante de comezo, decátaste que a función xa comezou.
Un home a toque de asubío, decide cando se moven e cando non as valixas. É o encargado, axiña uniformado, que manda alí. Como unha metáfora de militar. Degrae un discurso aterrador de home omnipotente, xenófobo, racista, que pretende xustificar o seu pensamento. Que rexeita ós emigrantes, ós doutras nacións; doutros continentes. «Deus fixo que cada quen estivera no seu país: os chineses en China, os negros, en África…» O seu heroe é Hitler. Discurso arrepiante. Pero gústame: é teatro, teatro.
Un rápido aceno de luz e o lugar deixa de ser unha terminal dunha estación e convértese nun locutorio, onde un arxentino emigrado a España conecta coa súa xente en Ultramar. ¡Que paradoxo para nós, tan afeitos ó contrario! O seu punto de vista é a do lado contrario ó funcionario da terminal. E imos vendo un outro mundo desde esa perspectiva dun traballador inmigrante. Deixou a súa terra, a súa familia e xente, para atopar traballo e mellores condicións de vida. Tamén argumenta, pero o seu enfoque é diferente.
A obra enteira vai diso: do mundo da emigración e do exiliado, nos seus distintos papeis, coa súa maneira de vivir e de sentir a vida.
Texto comprometido
Teatralmente falando, a peza ten como valor estelar o seu texto comprometido e a sublime interpretación de Botto e da actriz negra Astrid Jones, que representa o outro gran continente emigrante: África. O mundo visto e relatado desde un punto de vista do traballador estranxeiro. Do emigrante.
A inmigrante negra conta as súas vicisitudes como persoa allea, como muller, como africana, como persoa explotada. De como ata a lingua representa un obstáculo. Da solidariedade e dos abusos do entorno social. Da miseria humana, en fin.
Todos fóra do seu fogar, do seu familiar entorno. Nun mundo descoñecido, estraño, alleo, explotador. «A vida non é só comer, durmir, e volver ó traballo». «A vida no é sobrevivir».
As maletas e vultos, de súpeto, son mobles na nosa imaxinación; un cuarto de baño, unha habitación, un despacho.
Sobre deles os dous actores descobren, a través de distintos personaxes, as súas sensacións, lembranzas, emocións, angustias e arelas. Regreso ás orixes. Vivencias pasadas, conversacións transcendentais.
En esencia, monólogos: historias turbadoras contadas por seres humanos sobre a condición humana, e as súas crueldades. A dun preso, por exemplo, represaliado da Escola de Mecánica Arxentina, crea unha tensión no respectable que, como di o meu compañeiro Santi «a xente precisa aplaudir», para romper cunha angustia insoportable.
¿Conformismo? ¿Rebeldes contestatarios? Todos están cheos de esperanzas. Seguimos porque esperamos: «Cando nos toque a lotería…»
En resumo, sombras de seres que reclaman, que piden, que agardan, que rogan, que che fan recordar que as cousas son como son. «Diez está tan lejos del infinito como dos». Con esta frase debúxase ó conformista (dá igual o que fagas), como ó rebelde (hai que coller o tres, cando se presente, porque non haberá outra oportunidade).
Rematou a peza teatral conectando coa realidade: «Reclamamos o cumprimento de respecto e coidado para a arte e a cultura». Aí non aguantei máis e púxenme en pé, aplaudindo, como moitos outros espectadores máis. Ben.
patio de butacas
«un trozo invisible de este mundo», de producciones cristina rota e teatro español
(Puede haber caducado)