Inmigrantes de catorce nacionalidades derruban co galego barreiras en Carballo

La Voz de Galicia, á. p. carballo, 16-11-2012

Inmigrantes de ata catorce nacionalidades achegáronse onte pola tarde ao Pazo da Cultura para demostrar que non existen fronteiras idiomáticas insalvables e que o galego é unha lingua capaz de espertar tamén o interese dos que naceron lonxe desta terra.

Nalgún caso, os alumnos do Obradoiro de Integración Lingüística e Cultural que promove o Concello carballés e que deu comezo onte teñen relacións familiares con Galicia, como ocorre con Alejandra Techera, unha uruguaia casada cun galego con quen tivo xa dous fillos no país suramericano e que, tras doce anos aquí, xa ten «dúas fillas carballesas». Noutros casos, trátase de inmigrantes que chegaron a esta terra sen máis motivo que a procura dun futuro mellor que o que lles podían ofrecer os seus países de orixe. Pero uns e outros coinciden na utilidade de coñecer unha lingua que pode facilitar a súa integración e que, en moitos casos, é unha chave imprescindible para acceder ao mercado laboral.

«Es un idioma difícil, pero habrá que ponerse porque es necesario», sinalaba só uns minutos antes de aventurarse nesta iniciativa Ana María Abreu, unha moza dominicana que leva en Carballo apenas dous meses. A ela e ao resto dos presentes doulles a noraboa o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, por «interesarse polo idioma e a cultura propios deste país que se chama Galiza» e animounos a usar esta lingua, «aínda que sexa con dificultades, na vida cotiá, na compra, na rúa…».

Tras ser presentado por Nel Vidal, normalizador lingüístico de Carballo, o profesor Tono Formoso deu comezo a unha clase na que os participantes puideron xa poñer a proba os seus coñecementos de galego. «A ti te entiendo, pero en la obra, trabajando, ya es otra historia», respondeu un dos presentes pouco antes de que outra alumna se lanzase a probar sorte con un «eu son romanesa».

A lectura dun texto de Carlos Casares máis que apropiado para a ocasión, xa que nel o autor explica a un estranxeiro algunhas particularidades gastronómicas de Galicia, guiou o arranque da sesión. Con alumnos cubanos, nixerianos e doutras nacionalidades diversas exercendo de relatores, foi avanzando unha clase na que houbo tempo para mediar no debate culinario identitario dos galegos (que nos define mellor: ¿o caldo, o polbo ou as patacas?) ou para tratar de desentrañar a devoción que espertan nesta terra as festas gastronómicas (a preparación da lamprea ou o significado de ra foron algunhas das cuestións que chamaron a atención dos alumnos).

Formoso, profesor xa da anterior edición do obradoiro, sinalou que aínda que non se trata dun curso homologado si pode ser a base para afrontar retos maiores, coma os Celga, e destacou a boa predisposición dos alumnos.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)