Igualdade potencia a atención a mulleres prostituídas

Este ano adicaránse 289.000 euros á loita contra a trata de brancas en Galicia

ABC, P. A. , 03-02-2012

A loita contra a prostitución centrará boa parte das actuacións que a secretaría xeral de Igualdade, dirixida por Susana López Abella, porá en marcha de cara ao ano 2012. Boa proba delo foi o encontro que a secretaria mantivo durante a xornada de onte coa presidenta da «Asociación Faraxa para a abolición da prostitución», Carmen Lago, e na que ámbalas dúas analizaron as liñas a seguir neste eido de cara aos próximos meses. Así, o programa desenvolvido por Igualdade coas ONGs e entidades de Galicia centradas na atención a mulleres prostituídas contará para este ano cunha dotación de 289.000 euros, segundo adiantou onte López Abella trala reunión.

A propósito das dificultades que se atopan para que as mulleres que están nesta situación denuncien, a presidenta do colectivo «Faraxa» apuntou que un 95 por cento das persoas atendidas nos seus centros son vítimas da trata de brancas. Por elo, e seguindo a estela doutros plans postos en marcha na defensa dos dereitos das mulleres, o departamento de Igualdade ven de instalar un programa de teletradución a 51 idiomas pensado para mellorar a comunicación verbal coas usuarias das entidades especializadas na atención a mulleres. Unha ferramenta que resulta, en palabras de López Abella, «determinante nos casos de consulta por trata de mulleres ou nos de violencia de xénero».
Nos países de orixe

A segunda grande liña de actuación da Secretaría Xeral da Igualdade no ámbito da atención ás mulleres prostituídas concrétase no programa internacional «Itíneris», no que participan Galicia, Portugal e Brasil e que ten como obxectivo afrontar a trata dende os lugares de orixe, neste caso Brasil. Tamén busca establecer actuacións coordinadas para protexer os dereitos das persoas inmigrantes no ámbito da explotación e da trata.

Dentro da axenda de iniciativas de «Itíneris» plantexada para os próximos meses está previsto que en maio unha delegación brasileira de axentes vencellados á loita contra a trata visite Galicia, no marco dos compromisos adoptados na recente xuntanza celebrada na cidade brasileira de Recife. Neste senso, e dende os colectivos implicados na loita contra a trata de blancas, suliñan os obstáculos que estas traballadoras sexuais se encontran á hora de denunciar, xa que temen ser expulsadas aos seus países natais por non ter os seus papeis en regra.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)