Tu nombre: ENVIAR NOTICIA
Unha de vergonzas
La Voz de Galicia, 19-11-2010É imposible tomar aos políticos en serio. Ao mesmo tempo, isto resúltame unha vergonza, pois son eles quen deberan representarnos e gobernar o país. Pero non podo deixar de abraiarme coas últimas campañas publicitarias. Existe un amplo abano de opcións: vídeos eróticos que animan a votar, outros que rozan a pornografía para promocionar a unha candidata, pero xa traspasamos a simple observación, e agora aparecen videoxogos nos que a candidata a promover gaña puntos matando inmigrantes ilegais. O partido do que é representante tan só se limitou a culpar á empresa creadora do xogo, dicindo que en lugar de inmigrantes ilegais, eran mafias ilegais. Mágoa que, precisamente o mesmo día que este «erro» saía á luz, un escritor facía nunha tertulia política de Telemadrid unhas declaracións moi pouco afortunadas, relativas a relacións sexuais con rapazas novas, que logo adobiou con outras declaracións de carácter xenófobo. Que a seguir o adornen cunhas sutís gargalladas só empeora as cousas. Isto é moi grave. Deste xeito, prefiro non tomar sempre en serio aos políticos, porque se o fago, penso que é un auténtico despropósito pensar que ao electorado nos toman por ineptos, pretendendo mercar o noso voto con obscenidades, coma se as declaracións que logo verten publicamente non tivesen importancia. Non somos desmemoriados. A min preocúpame a situación que vivimos. O que pretenden facer coa economía do país, as súas actitudes desprezables cos demais, as cambadelas que lle poñen á nosa lingua. Preocúpame e dóeme. Mágoa. Así que non pensen que cun sorriso van arranxar todo o dano causado. Nin de lonxe.
(Puede haber caducado)