Tu nombre:   ENVIAR NOTICIA

Burkite

La Voz de Galicia, Inma López Silva , 28-06-2010

É curioso que nun país onde case non se ven burkas e onde todo o mundo con sentido común está en contra dos veos integrais, se puxera de actualidade o debate sobre a súa prohibición. Prohibición, por certo, que afectaría só aos lugares onde esas prendas se empregan, pois as musulmás non adoitan levalos na casa dado que o seu significado simbólico é a anulación social dunha muller debida á familia. Curioso, porque parece que nesta España da crise, da reforma laboral e do Mundial de fútbol, este debate se expón adrede coa simpleza das diatribas fáciles que serven para desviar a atención.

Esa proposta de prohibición, non nos enganemos, non incide sobre unha maneira de vestir, senón que debera estar abrindo unha reflexión que moito temo que nunca abrirá: a do noso grao de tolerancia coa intolerancia.

O uso do burka e o niqab denotan formas de intolerancia, igual cá ostentación de cruces gamadas ou igual ca levar un ser humano atado e amordazado pola rúa, prácticas punibles. Nese contexto, o debate que quixera ver ten que ver con se estamos dispostos a aplicar para o noso Goberno un ultraliberalismo que nos obriga a convivir cunha intolerancia que atenta contra os principios fundamentais das sociedades democráticas occidentais (respecto polos dereitos humanos e a dignidade das persoas), ou se estamos dispostos a asumir a prohibición como solución que nos posiciona ante a limitación das nosas liberdades en virtude da convivencia cordial.

Non é fácil dirimir. Pero a pedagoxía que precisan as emigrantes musulmás para sabérense libres de non aceptar a submisión empezaría por posicionar os debates en termos menos frívolos.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)