Tu nombre:   ENVIAR NOTICIA

Hicham Fathallah é o primeiro mozo marroquí ourensán que chega ás portas da Universidade

La Voz de Galicia, Jesús Manuel García, 29-05-2009

| Novos tempos na xuventude inmigrante

Na casa de Hicham Fathallah hai ledicia porque este rapaz de vinte anos é o primeiro da comunidade marroquí e magrebí de Ourense que remata os estudos secundarios e a piques está de entrar na Universidade. Hicham exprésase correctamente en galego, a lingua que fala na rúa, deixando para a vida familiar o árabe. «Ao principio foi difícil integrarme. Ao vir, eu tiña clases de idioma. Vin coa miña familia de Marrocos cando tiña 14 anos, estivemos vivindo dous anos en Espinho (Portugal) e volvemos a España para residir en Xinzo», di este mozo.

Hicham acabou segundo de bacharelato con notable. Seguiu o eido das ciencias e unha das materias máis difíciles recoñece que lle foi o inglés. «O inglés foi saíndo», sinala. Fixo a secundaria no IES Lagoa de Antela, de Xinzo, e repetiu o último curso de bacharelato no IES O Couto, da cidade das Burgas.

Dos 440 cidadáns marroquís que hai na provincia ourensá, Hicham é o primeiro que chegará aos estudos superiores. detrás de semellante situación está o apoio da familia. Seu tío Hamed, que tamén ten unha filla que se aplica no bacharelato, di que Hicham é un exemplo para os mozos da familia e para o resto da comunidade. «Seu pai é feirante, pero sempre lle dixemos que hai que estudar», conta Hamed.

«Eu non quería poñerme a traballar sen ter un título académico. E niso estou», explica Hicham. «Eu estou orgulloso de que meu fillo estude. Xa traballo eu na venda ambulante e non perdín nada co feito de que meu fillo estude e constrúa un futuro mellor para el. Podo dicir que somos uns pais contentos», asegura o proxenitor, Mohamed, que fala en nome del e da súa dona, Fátima. «A nai está máis contenta», engade o pai, que non pode evitar dicir do seu fillo que «leva pouco tempo e xa vai á Universidade».

Filosofía e galego

Hicham desfrutou con dúas materias especialmente no bacharelato, a filosofía e a lingua e literatura galegas. Realmente, se o escoitamos falar polo teléfono, sería difícil adiviñar que se trata dun rapaz marroquí. «Da filosofía gústanme moito os presocráticos, por exemplo, e da literatura galega encántanme Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo…», conta este mozo.

Quedan poucos días para a selectividade e Hicham aplícase a fondo cos seus compañeiros estes días. «Estou algo nervioso, pero estámola preparando pola nosa conta», di Hicham. Se en xuño pasa a selectividade, espera matricularse na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense.

Hicham é o maior de tres irmáns. O segundo, de 17 anos, estuda un ciclo no instituto e está facendo prácticas a irmá, de 15 anos, que estuda o seu nivel con ánimo. Hicham le novelas con historias dramáticas e faino sobre todo en galego. Recoñece que pensa en galego e en árabe, segundo a situación. Ten amigos que envexan que poida falar árabe. Seu tío Hamed di que en Xinzo haberá clases de árabe para adultos desde o vindeiro ano.

Os Fathallah son da cidade de Mohammedia, industrial e costeira, veciña de Casablanca. Visítana unha vez cada dous anos. «Cando estou aló, vou á praia», sinala o estudante. Na provincia de Ourense a maior concentración de cidadáns marroquís e magrebís dáse en Xinzo, sendo a segunda e máis reducida a de Ourense cidade. Hai xente esparexida noutros concellos da provincia. Hicham séntese cómodo en España. Recoñece que o que máis lle sorprende son a relixión e certas costumes, pero a integración é moi positiva.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)