Galicia e Senegal estreitan os seus lazos de cooperación
ABC, , 05-02-2009D. G.
SANTIAGO. O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, presentaron onte á mañá no Club Internacional de Prensa a iniciativa piloto de codesenvolvemento Galicia – Senegal, un proxecto que busca promover o fortalecemento do tecido asociativo senegalés en Galicia e mais contribuír ao desenvolvemento produtivo da poboación de Diama Alwaly (Norte de Senegal).
A presentación do proxecto contou coas intervencións de Abdel Fatta Seye, presidente da Asociación Pontevedresa de Senegaleses «Dioco», e da investigadora e socióloga da Universidade da Coruña Iria Vázquez Silva, autora do «Estudo sobre a situación da poboación senegalesa en Galicia», que foi presentado no acto.
O secretario xeral de Emigración explicou que no ano 2007 foi concibido o programa, que conta coa implicación das asociacións de senegaleses en Galicia, animando ás partes implicadas a «asumir o reto de levalo a adiante co obxectivo de seguir fortalecendo os lazos que unen a Galicia e Senegal». Os beneficiarios directos desta iniciativa piloto son as asociacións de inmigrantes das catro provincias galegas, así como a comunidade de Diama Al Waly. Organizacións non gubernamentais de axuda á inmigración, con experiencia de traballo en África, participan tamén na iniciativa.
A actuación ten dúas compoñentes diferenciadas. Por unha banda, actividades formativas e de asesoramento que se levarán a cabo en Galicia nos anos 2009 e 2010 para mellorar a capacidade de xestións das asociacións senegalesas; fomentar o seu acceso a axudas e subvencións públicas e privadas existentes; difundir a súa existencia, ou fomentar melloras e a autoxestión entre o colectivo feminino.
En Senegal, a dirección xeral de Cooperación Exterior, tras unha análise no terreo das necesidades da vila senegalesa de Diama Alwaly realizada en 2008, tratará de propiciar o desenvolvemento produtivo agrícola desa comunidade, promovendo a mellora das infraestruturas, da xestión, da formación e do asociacionismo.
(Puede haber caducado)