¡Tamén eu son inmigrante!
La Voz de Galicia, , 24-06-2008Europa está enferma. Morre de vella porque perdeu as ilusións revolucionarias. Mentres, os europeos, apoltronados na quimera do benestar, deixamos estragar as grandes ideas enunciadas neste continente que morre matando o noso soño libertario, aquel de que eramos persoas por riba de fronteiras, ideas e diñeiros… Ás veces, esta vella e enferma Europa parece habitada por replicantes de Blade Runner, autómatas sen ideais que lles comeron o espazo ás persoas, un cancro neocon que mata as células de ética e moral que sostiñan o noso soño igualitario.
Ademais, media Europa sofre amnesia. A mesma Europa que apela ao seu pasado coma se o único espazo para a memoria fose unha historia chea de guerras, de políticas e de barbaridades abominables, esqueceu ver aquí e agora a súa barbarie particular de mortos no mar, unha marea negra que é a actual epopea dos valentes: conquistar, desde África, o berce da civilización. Na súa podremia, Europa esqueceu tamén que o mar non admite barreiras. Os buscadores de soños que foxen de mortes indignas en África atravesarán muros inexpugnables, vivirán prisións e serán deportados, pero volverán á loita. Non queren unha vida mellor, senón só unha vida. Nós tamén o fixemos, por certo, primeira cousa que lle esqueceu a esta Europa desmemoriada, que non sabemos quen somos nin de onde nos saíu a fortuna.
Ante a enfermidade, a amnesia e a podremia, tamén eu son inmigrante. Non porque o meu país exportase man de obra ata onte nin porque crea firmemente na conquista da liberdade. Só porque, se agora Europa significa esquecer que un inmigrante é persoa, eu xa non quero ser europea.
(Puede haber caducado)