¿In-migration ou out-migration?
La Voz de Galicia, , 20-06-2008A Unión Europea non conta ata o momento con regras e procedementos uniformizados e harmonizados en política migratoria. Dende o ano 2002 comezaron a aplicarse as primeiras normas nun dos aspectos, o da inmigración ilegal, concretamente relativas ao afastamento e detención de persoas en situación irregular. Co incremento das migracións internacionais, reclamábase unha verdadeira política europea no eido inmigratorio. Crises económicas, problemas políticos e conflitos armados mudaron a faciana europea con novas caras, novos veciños con identidades e culturas diferentes. Por iso, dende calquera lugar de Europa, e nós tamén como galegas e galegos, debemos ter información e unha posición ao respecto. Aínda nos lembramos da bochornosa negativa do Estado membro da UE de menor tamaño, Malta, a acoller a vinte e sete africanos coa escusa de que precisaban axuda, tendo que actuar flota pesqueira galega como un buque humanitario.
Unha desas normas, que foi lanzada no 2005 e pretende ser un dos piares da política inmigratoria, é a chamada directiva de retorno, que foi votada e aprobada o mércores no Parlamento Europeo, con só 40 votos de diferenza. O seu relator defendeuna como unha posición coordinada e uniforme a nivel europeo contra a inmigración ilegal; mais de entrar en vigor a directiva, Dinamarca, Irlanda ou Reino Unido poden excluírse a través da cláusula de opt-out; polo tanto, xa non estariamos nun procedemento coordinado, senón novamente nunha Europa á carta. Pero o máis grave non son estas formas, senón o contido mesmo da directiva, que tivo unha fortísima contestación en todo o mundo civil de Europa. E non só de Europa; altos funcionarios de Unasur e da Unión Africana, así como os presidentes de Bolivia e Ecuador denunciaron esta proposta. Foi un berro de denuncia tan unánime que esta proposta xa non vai ser lembrada nunca polo seu nome orixinal, senón polo da directive de la honte , a directiva da vergoña.
A directiva da vergoña, unida ás políticas escénicas e agresivas contra a inmigración que están realizando os Gobernos francés e italiano, implica unha regresión de dereitos de grave transcendencia no marco xurídico e político comunitario, pois supón instituír unha política da diferenza e deshumanización que ataca aos máis febles, aos chamados sen papeis, aos ilegais, aos innomeables, aos que non teñen dereitos, e cada vez, todo apunta a que van ter menos.
Por iso temos que facer un chamamento a non ser partícipes desta situación, e reclamar a protección dos dereitos destas persoas, de forma xusta e humanitaria; non, non queremos ser cómplices desta vergoña consentida aprobada no Parlamento Europeo antonte. Triste día para a historia da construción europea.
(Puede haber caducado)