Tu nombre: ENVIAR NOTICIA
A lingua dos inmigrantes
La Voz de Galicia, 09-06-2008Observe o lector as seguintes recomendacións que a Generalitat vén de publicar nun folleto titulado O catalán, lingua de acollida , dirixido ás colectividades de inmigrantes que queren instalarse en Cataluña: «aprende catalán para mellorar no teu traballo», «aprende catalán para axudar aos teus fillos», «aprende catalán para que te entendan e coñezan mellor», «pide que che falen en catalán para deprender a lingua». Os responsables da política lingüística da Generalitat teiman na súa campaña de integración destas colectividades, que no ano 2007 sumaron case 440.000 individuos cotizantes á Seguridade Social (non é doado establecer a cifra da poboación en situación irregular).
Segundo os responsables da política social catalana, para o ano 2020 prevese unha poboación inmigrante de 1.300.000 persoas, cun crecemento anual de arredor de 70.000 individuos por ano, factor fundamental para o desenvolvemento económico e demográfico de Cataluña. Falamos da primeira comunidade autónoma do Estado español tocante a recepción de xente de fóra. A poboación inmigrante en Galicia anda polas 80.000 persoas.
Un sector da dereita española, secundado por algún medio de comunicación da capital de España, escandalízase da iniciativa da Generalitat, acusándoa (unha vez máis) de estar expulsando o castelán de Cataluña. Apóianse nos textos que encabezan este artigo, e son os mesmos, curiosamente, que falan de establecer un contrato (modelo Sarkozy) que obrigue a coñecer o español e a cultura española a todos aqueles que veñan de fóra e pretendan instalarse en calquera das nosas comunidades. O que vale nun caso, non vale no outro. ¿Que pasa co catalán? ¿Non forma parte do patrimonio común? ¿Queda fóra dese contrato?
Hai dous ou tres anos que teño o honor de participar na clausura de cursos de lingua galega para inmigrantes . En Ames, por exemplo, na bisbarra compostelana, a participación é especialmente significativa: hispanoamericanos sobre todo, netos de emigrantes moitos deles, que veñen de volta atraídos pola terra e a memoria dos avós. Pero tamén rumanos, marroquinos, polacos, senegaleses?
Sempre lles digo o mesmo: o país facémolo entre todos; as sociedades contemporáneas son necesariamente plurais; non se ama o que non se coñece; para vivir xuntos debemos comprendernos e respectarnos, o que non quere dicir renunciar á propia identidade nin moito menos. Subscribo todas e cada unha das consignas que a Generalitat promove no seu folleto. Ninguén fala de deixar fóra o castelán. Mais tamén é certo que a identidade dun país (que ten moito de afectividade) constrúese sobre marcas propias, e os receptores agradecen que os novos cidadáns se incorporen á tarefa común, coma os nosos avós fixeron en Brasil, na Arxentina, en México? E debo engadir que a receptividade é magnífica.
(Puede haber caducado)