Tu nombre:   ENVIAR NOTICIA

Sobre o canon dixital

La Voz de Galicia, 02-02-2008

Anoticia dese inmigrante africano que acaba de ser condenado por unha xuíz, no sur de España, a un ano de prisión ou dez anos de expulsión do país acusado de venda ilegal de cedés e deuvedés (top – manta) resulta cando menos escandalosa. Descoñezo as circunstancias ou posibles agravantes, que algunhas haberá. Pero concordarán os lectores que, pola desproporción da pena, pola condición do protagonista e mesmo polas características do delito, a resolución do caso resulta certamente chocante. E alarmante. Unha vez máis, o elo máis feble da cadea apanda coa maior, e se cadra alguén pensa que se está a facer xustiza.

Os dereitos de creación son unha realidade obxectiva, ameazada nos últimos tempos polas profundas transformacións, hábitos, usos e maneiras que as novas tecnoloxías da comunicación e, sobre todo, da reprodución introduciron nas sociedades máis desenvolvidas. Hoxe todo está en Internet. Igual que no seu día os tipos móbiles de Gutenberg desprazaron aos vellos copistas da Universidade de París, outrosí sucederá coas formas analóxicas industriais da comunicación, substituídas pola tecnoloxía dixital. Trátase dun feito histórico que, no marco da globalización, se manifesta en todas as frontes: a música, a produción audiovisual, as artes plásticas, a creación literaria, etcétera. Para iso naceron as chamadas sociedades de xestión (SGAE, Cedro, Vegap…), a prol dos intereses lexítimos dos creadores e da industria da cultura fronte ás irregularidades ou abusos dun mercado que algúns reivindican libre e que, na práctica, é un «sálvese quen poida».

No ano 1993, naceu Cedro, sociedade de xestión integrada por autores e editores. Creouse para loitar ou regularizar o abuso da reprografía (as fotocopias). Non se trataba de poñer un policía en cada fotocopiadora (empezando polas universidades e os ministerios), pero si pactar unha regras que compensasen minimamente (nunca se compensa de todo) a utilización «por libre» da creación, a información, o traballo que outros elaboraron e polo que teñen dereito a percibir a compensación correspondente. No mundo da música, nalgún momento foi escandaloso ver como medraba o negocio da explotación comercial non controlada (bandas sonoras, fondos para a publicidade, discotecas e salas de baile, segundas e terceiras versións de temas, emisións radiofónicas, producións piratas, etcétera) a costa de autores que nalgúns casos, e non é demagoxia, acabaron na indixencia.

Outra cousa, repito, é a sentenza á que faciamos referencia ao primeiro deste artigo. E outra cousa, na mesma liña de reflexión, é a realidade imparable que os tempos impoñen (a creadores, a editores e a mediadores). Neil Postman ten dito máis dunha vez que toda civilización está obrigada a pactar coa tecnoloxía que lle corresponde a cadanseu tempo histórico. Ou pactamos ou estamos mortos.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)