O Festival de Cine de Ourense premia a «Al otro lado» e a «De bares»

La Voz de Galicia, 12-11-2006

O Festival de Cine de Ourense rematou onte diversificando o seu palmarés e con preferencia por películas de certo contido social por máis que entre os xurados das distintas categorías do certame e os premios do público non houbo coincidencias.


A gañadora foi Al otro lado , unha película do mexicano Gustavo Loza á que o xurado atribúe «unha recreación imaxinativa da tráxica realidade da emigración, dende o prisma dos nenos». O xurado tamén decidiu conceder un premio especial a De bares , da que salientou «a veracidade do ambiente reflectido no filme».


O público preferiu a coprodución franco – marroquí Indigènes , unha perspectiva singular sobre a Segunda Guerra Mundial. Catro arxelinos musulmáns preséntanse voluntarios ao exército francés e deben loitar contra os nazis e contra a intolerancia dos seus compañeiros. O xurado salientou esta cinta mediante unha mención ao seu guión.


Os premios fundamentais dese palmarés esquivaron algunhas das películas que nos últimos días do festival apuntaran capacidades para conmover aos espectadores e máis ao xurado. Por exemplo, Grbavica , que finalmente levou o premio á mellor actriz, levantara expectación pola narración do drama dalgunhas mulleres na ex Iugoeslavia.


Tamén Posdata , de Germán Palacios, e a súa particular visión entre o real e o irreal, con algúns toques de angustia, formou parte das apostas e quedou, finalmente, cun premio para un dos actores nunha película que ten un destacado carácter colectivo.


A gran derrotada deste festival foi a máis recente historia do director arxentino Carlos Sorín. A fábula quizais demasiado inocente e algo folclorizante sobre un forofo de Maradona non motivou nin aos espectadores nin ao xurado e nin sequera a interpretación natural ou non interpretativa de Ignacio Benítez serviu de reclamo para a película dun director prezado e coñecido.


O palmarés documental é considerablemente máis reducido. Un premiado galego como mellor director, Marcos Nine, por unha película producida por IB Cinema que recupera a unha figura singular e pioneira do cine en Galicia, José Ernesto Díaz Noriega. Pensando en soidade é, segundo o xurado, «unha visión irónica, tenra e lúcida dun personaxe que foi mestre de boa parte dos modernos cineastas galegos».


A calpurnia para o mellor documental foi entregada a The shutka book of records por ser «unha obra arriscada, valente, creativa e complexa, bañada cun humor persoal» para aproximarse á realidade herdada do conflito balcánico.


O xurado decidiu salientar outro documental, Habana, arte nuevo de hacer ruinas , una película do alemán Florian Brochmeyer que, segundo a intención do xurado, foi capaz de «vehicular a súa visión conceptual e estética das ruínas da cidade da Habana como parábola socio – política».

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)