Rutas migratorias

La Voz de Galicia, DIEGO AMEIXEIRAS, 11-03-2024

esulta que vin a Sutume Asefa Kebede entrando vitoriosa pola liña de meta do maratón de Tokio. Erguía os brazos e sorría satisfeita polo esforzo realizado, con ese xesto tan característico, como baixo unha iluminación, de quen culmina unha longa travesía. Máis tarde, era eu quen corría polas aforas de Santiago. Corría a milleiros de quilómetros de distancia, fantasiando con que atravesaba as rúas da capital xaponesa, posuído pola enerxía dunha Kebede capaz de establecer a mellor marca da carreira. Tamén dirixía os brazos ao ceo cando remataba o percorrido, aínda que no meu caso superando a liña de meta no barrio do Pombal, coa visión da fachada catedralicia devolvéndome á realidade. Son un actor pésimo. Un mal imitador. Pero hai tempo que teño o costume de interpretar ese tipo de papeis cando corro pola cidade. Ninguén o nota. Tento ser discreto. Dou voltas pola Alameda, serpeando entre estudantes e xubilados, e penso que son Tigst Assefa rebentando o récord mundial no maratón de Berlín. Percorro as Brañas do Sar chegando dende Conxo, no mesmo lugar onde en 1856 se xuntaron os obreiros e os estudantes en irmandade, e creo parecerme a Brigid Kosgei asaltando o Lake Shore Drive en Chicago. Pérdome entre Santa Marta e A Choupana, dándolle a benvida ao atardecer cunha promesa de suor na fronte, e disfrázome de Mary Jepkosgei Keitany por Londres, cambiando o ritmo nos metros finais. E hai días que subo dende Vidán ata San Lourenzo, infiltrado no corazón dos Ánxeles, para viaxar ata 1984 con Joan Benoit, Rosa Mota e Grete Waitz, directo ao primeiro maratón olímpico feminino da historia. Podería dicirse que corro con altas pretensións. Á conta da publicación de La llamada (Anagrama), relato dunha activista política secuestrada pola ditadura arxentina, cruceime polo salón da casa con esa corredora de fondo da escrita chamada Leila Guerriero, xigante do xornalismo, someténdose á curiosidade de Óscar López en Página Dos. «A miña migración interior», dicíalle para explicar o seu hábito de correr cada día por Buenos Aires. A Kathrine Switzer, a primeira muller que completou un maratón de forma oficial —en Boston, ano 1967, padecendo a violencia física dun responsable da proba—, preguntáronlle polas mensaxes ocultas da súa insistencia. «Só quería correr», confesou. Algunhas mañás corro con Leila Guerriero, outras con Kathrine Switzer. Non importa a orde: só a ruta migratoria.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)