Opinión

Indiferenza

La Voz de Galicia, Antón Riveiro Coello, 11-03-2020

Preocupados como estamos polo coronavirus, esquecemos outro andazo máis grave como é a indiferenza, que tamén mata. Cústanos facer o exercicio de nos poñer na pel dos refuxiados que foxen da guerra e entregan as súas esperanzas a un mar que, moitas veces, lles apaña a vida. Arrepía ver estes días de novo imaxes que xa vimos no pasado e que acollen casos que van máis alá da omisión de socorro e frecuentan o delito ao agrediren a esas persoas que queren chegar a unha Europa que non os quere, que mesmo felicita a Grecia por facer de escudo, sen reparar no método que emprega para impedir o paso. Terrible que, co visto e prace das forzas de seguridade gregas, grupos de extrema dereita mesmo controlen estradas e se convertan en fronteira solicitando papeis, rexistrando coches ou mesmo mallando nos refuxiados e tamén nas persoas pertencentes ás oenegés. Como alguén pode virar a mantenta unha embarcación ou lanzar gases lacrimóxenos contra familias indefensas nas que hai nenos? Onde están os valores que deberían rexer unha Europa plural e humanitaria? Podería resultar vergonzoso o xeito en que Turquía chantaxea a Bruxelas ameazando con enviar unha enxurrada desesperada de vítimas da guerra e da pobreza. Pero Ankara alega que, por mor da ofensiva que o exército sirio está a levar sobre Idlib, o problema xa non é só económico senón tamén demográfico. E Bruxelas, coa súa solidariedade de salón, torce a ollada e, dalgún xeito, fainos cómplices a todos desa desatención e de que, ao abeiro destas crises humanitarias, siga medrando un populismo que envelena a sociedade e converte os migrantes en inimigos. Seguramente non haxa receitas máxicas para abordar o tema, pero o que teño claro é que eu non quero unha Europa así, indiferente.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)