Ilegalizar o fascismo

La Voz de Galicia, ANTÓN RIVEIRO COELLO, 08-11-2019

Ninguén dubida de que os resultados de Vox teñen a súa raíz en barrios ricos dalgunhas cidades, recollendo nas súas filas xente desilusionada que antes estaba no Partido Popular. Apaña votos tamén nalgúns lugares onde hai unha forte inmigración. Mais desta vez, por moito que lle poida interesar ao PSOE unha fragmentación do voto da dereita, hai un forte perigo de que Vox chegue mesmo a barrios obreiros que, cansos da ineficacia dos políticos para se poñeren de acordo, talvez deixen a súa papeleta en favor dunha ultradereita que medra sintetizando sentimentos e ideas complexas en imaxes simples, ás veces, dun infantilismo arrepiante que ten o seu espello no propio Trump. Estes días, vendo como esta ideoloxía ocupa os espazos da televisión, branqueada por un periodismo de lixo, un non deixa de se preocupar de novo e cavilar en que futuro nos podería agardar se o goberno do país dependese desta forza fascista e autoritaria, que xa non esconde o seu desexo furioso de criminalizar o contrario, tanto se é nacionalista, muller, inmigrante, homosexual ou musulmán. Nestes programas televisados, disfrazados de debate, non hai argumentos posibles. A esta xente non lle interesa a sofisticación porque basean as súas opinións vulgares nunha mentira elaborada que espallan, gratis et amore, por eses altofalantes masivos que chegan a moita xente que forma parte dunha sociedade irresponsable, si, e infantil, capaz de asumir esa identidade única e visceral simplemente porque tamén odian os cataláns, os musulmáns ou os inmigrantes. Comprendo moi ben a negativa de Aitor Esteban a lle dar a man a un membro de Vox, incomodado porque foi chamado polo que realmente é e porque representa un partido con todas as da lei para si ser ilegalizado.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)