ENVIAR NOTICIA

Unha de aparencias

La Voz de Galicia, María Canosa, 16-03-2010

Creou sensación a película O curioso caso de Benjamin Button, na que se facía un estudo detallado do que podería ocorrerlle a unha persoa se a súa vida descorrese no tempo, é dicir, nacer vello e ir volvéndose mozo.

Creo que a todos os que viron o filme lles causou inquietude, e saímos da sala do cine cavilando máis na nosa existencia. Ao final, o recurso máis solicitado para espelir as preocupacións da mente foi pensar que tan só era unha película, nada real.

Cal foi a miña sorpresa cando topo cunha noticia que me volve traer á memoria a devandita película. Un inmigrante que chegou a Tenerife en patera aseguraba ter quince anos, mentres que as probas médicas calculábanlle unha idade de sesenta e cinco. A diferenza non era pouca. Xa non só determinarían que tratamento lle debera ser aplicado (traslado a un centro especial para menores de idade no caso de ser real a primeira opción), senón que o mozo podía converterse de súpeto en ancián.

Non está claro se o erro está nas probas médicas ou simplemente foi un cruce de documentos o que causou a confusión. O caso é que no momento de ser capturado deron por boa a información escrita, a pesar de que a súa aparencia sexa a normal dun adolescente, segundo explica o avogado que agora se fixo cargo deste caso. Como consecuencia, foi abandonado á súa sorte, sen coñecemento do idioma e do país no que se atopaba. Afortunadamente, os compatriotas apiadáronse del e fixéronse cargo da súa situación. ¿Seguirá volvéndose novo, ou pola contra, con tantos desgustos, envellecerá axiña?

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)