Tu nombre:   ENVIAR NOTICIA

Xitanos e paios

La Voz de Galicia, de cotío : | Victorino Pérez, 23-05-2008

Os xitanos están de actualidade estes días polos conflitos entre os veciños e as comunidades calós. A Coruña – Penamoa, Pontevedra – O Vao, Lugo – O Carqueixo; a ultima polémica foi pola adxudicación de pisos sociais a familias xitanas en Lugo. Os manifestantes paios repetiron que non eran racistas, pero rexeitaban os realoxamentos porque «despois empezarán os problemas coa droga, coma sempre»… Pouquiña cousa, pero semella talmente coma o ovo da serpente.

Afortunadamente, as cousas non chegaron aquí a unha situación tan conflitiva como en Italia, cos ataques a campamentos xitanos en Nápoles e Roma. Un deputado da extrema dereita, agora no poder, chegou a defender no Parlamento a comenencia de crear un «Estado para xitanos» no leste de Europa, e mandalos todos aló. Non estraña a reacción doutro deputado socialista dicindo que esa proposta xa a fixera Goebbels nos anos trinta; e que os nazis substituíron eses estados para xitanos e xudeus por fornos crematorios. A historia europea mostra que o racismo, a intolerancia e o odio étnico levan antes ou despois á catástrofe.

Os xitanos son un pobo diferente, cunha cultura propia de difícil asimilación. Ademais, os xitanos saben como todo o mundo que entre eles hai ladróns e traficantes de droga; pero saben tamén que moitos máis son xente honrada, que busca a vida traballando, cando se lle abren as portas, cousa que non lles é doada, por ser diferentes. O de ladróns e traficantes é o que máis se ve, de tal xeito que tapa o resto; esquecendo que entre os paios non só hai tamén ladróns, senón violadores e pederastas, como o da pequena Mari Luz, tan normaliño el. Non é de estrañar que nunha das manifestacións, unha moza xitana fixese esta pregunta ante as cámaras de televisión: «¿Sodes todos os paios pederastas?».

As xeneralizacións son odiosas e sempre inxustas, tamén cos xitanos; deben dar paso ao dereito a ser diferentes. É a diferenza a que nos enriquece, non a igualación; aínda que sexa máis doado gobernar un cuartel que unha sociedade de diferentes.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)