Maragatos en Ferrol

La Voz de Galicia, EDUARDO FRA MOLINERO, 18-09-2019

O libro Maragatos en Ferrol, de Eva Ocampo, ten varios méritos. Fainos pensar, que non é pouco, que as cidades se constrúen con inmigrantes. Inmigrantes das aldeas da contorna e inmigrantes de lonxe, doutras terras, que traen os seus costumes e a súa fala. Este traer a súa cultura produce sorpresas. Os que veñen, os maragatos por exemplo, por atoparse «descolocados», reafírmanse na súa identidade. As cidades son mestizas e a frase «de Ferrol de toda a vida» é unha ilusión cultural. Pertence ao imaxinario idealista. O caso dos Maragatos é especial porque con seren un grupo pequeno deixaron pegada económica e deixaron unha imaxe que se distinguía. A portada do libro vai de imaxe étnica: tres mulleres novas con dous cativos vestidos co traxe rexional. O libro sabe a pouco, pero quedan marcadas as liñas de investigación. E sobre todo queda sinalado o camiño para tomarse en serio a existencia de outros grupos culturais con personalidade de seu que suman e non restan á vida dunha cidade.Estamos feitos de mil leites e a busca da raza pura do can de palleiro é unha barbaridade. Simpleza na que caemos e nos perdermos. O título do libro pide unha reflexión, porque a preposición «en» ben pode se transformar nun «DE» significativo de pertenza. Polo demais o libriño de Eva é un acerto porque con el nos entendemos todos un pouco máis, que é do que se trata. A anécdota dos «polos» de Faustino del Palacio, o ultramarinos da praza de Amboage, é unha lembranza que hai que tomar moi en serio.

Texto en la fuente original
(Puede haber caducado)